No marco dun proxecto europeo no que participa un equipo da Facultade de Ciencias
Alumnado e profesorado universitario de San Tomé e Príncipe fórmase no campus en tecnoloxía alimentaria
TecBioFood aposta pola transferencia de coñecemento para contribuír ao desenvolvemento dese país
Desde principios de 2024, un equipo da Facultade de Ciencias do campus de Ourense participa no proxecto europeo TecBioFood. O seu obxectivo é contribuír, a través da cooperación internacional e a transferencia de coñecemento e tecnoloxía, ao desenvolvemento sostible de San Tomé e Príncipe. Concretamente, céntrase na creación nese país africano dun laboratorio de tecnoloxía alimentaria e na capacitación no eido dos alimentos de alumnado e profesorado universitario desa república democrática. Atendendo a este último obxectivo, un grupo de estudantes e docentes de San Tomé e Príncipe estivo as dúas últimas semanas formándose no campus de Ourense.
O proxecto Expertise and technology for São Tomé e Príncipe: bioresources for food (TecBioFood) ten unha duración de tres anos e o seu orzamento total é de 447.528 euros, financiado a través da convocatoria da Unión Europea Capacity building in the field of higher education, da European Education and Culture Executive Agency. O consorcio participante está formado pola UVigo; pola Universidade de Porto (Portugal), coordinadora do proxecto, e pola Universidade de San Tomé e Príncipe e o Instituto Universitario de Contabilidade, Administraçao e Informática dese mesmo país.
Por parte da Universidade de Vigo participa persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias procedente de diferentes áreas de coñecemento. Así, está representada a Área de Tecnoloxía dos Alimentos, coa profesora Sidonia Martínez; a de Enxeñería Química, co catedrático Gil Garrote, e a de Nutrición e Bromatoloxía, coa profesora Raquel Rial e a catedrática Elena Martínez, coordinadora esta última da participación galega. Esta facultade ourensá, lembran, destaca no ámbito de traballo do proxecto xa que os grupos de investigación e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación que alberga sitúan á Universidade de Vigo en ránkings internacionais entre as mellores do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias da Terra e Ciencias Agrícolas.
Dúas semanas de actividade
A Universidade de Vigo e a de Porto son as institucións responsables de transferir coñecementos/competencias á Universidade de San Tomé e Príncipe, tanto nas facultades onde se imparten titulacións relacionadas cos alimentos como no seu Instituto Universitario de Contabilidade, Administraçao e Informática. Concretamente, o equipo da Facultade de Ciencias ourensá participa no proxecto principalmente na formación do alumnado africano nos módulos de tecnoloxía alimentaria e procesado dos alimentos, así como no deseño do citado laboratorio, no estudo dos alimentos seleccionados e no desenvolvemento dos novos produtos que se elaborarán a partir deles (como marmeladas, aperitivos e zumes).
Durante o primeiro ano de proxecto, 2024, as universidades europeas (Porto e Vigo), comenta o equipo do campus de Ourense, “transferiron coñecemento/competencias á Universidade de San Tomé e Príncipe e ao Instituto Universitario de Contabilidade, Administraçao e Informática mediante a mellora dos plans de estudo dos cursos de primeiro e segundo ciclo e un plan de formación integral”. Isto, sinalan, deu lugar á Academia TecBioFood, onde se impartiron cursos on line durante o mes de setembro sobre composición e procesado de alimentos e márketing. “Estes coñecementos adquiridos son os necesarios para a realización da parte práctica do proxecto”, afirman. Ademais, este mes de xaneiro, un grupo de estudantes e profesorado de San Tomé e Príncipe estiveron na Universidade de Porto dúas semanas e outras dúas no campus de Ourense, onde en ambos casos aprenderon a traballar cos alimentos e a procesalos e visitaron empresas agroalimentarias para ver o seu modelo de negocio, centrándose na transformación de froitas e hortalizas.
No caso do campus de Ourense a formación tivo lugar esta semana e a anterior no edifico Campus Auga, na planta piloto en agroalimentación e na Facultade de Ciencias, a cargo de profesorado participante no proxecto. Ao longo da súa estadía, o grupo de San Tomé e Príncipe foi recibido por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Eva Garea, directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación da UVigo, e tivo a oportunidade de falar sobre o seu proxecto con Manuel Reigosa, reitor da UVigo, e Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, entre outras autoridades, cando estes visitaron o Campus Auga a pasada semana. A formación rematou este mércores cun encontro dos socios do proxecto no campus de Ourense.
Unha vez feita esta capacitación de recursos humanos, nunha segunda etapa do proxecto, os socios porán en marcha un Laboratorio de Tecnoloxía Alimentaria no país africano, “para axudar a San Tomé e Príncipe a valorizar a súa gran biodiversidade de froitas e verduras, pouco explorada en termos de tecnoloxía alimentaria”. Nela poderase impartir clases prácticas de transformación de alimentos autóctonos e o profesorado e alumnado formado este mes en Porto e Ourense poderá aplicar os coñecementos adquiridos.