DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Achegáronse ao castro de San Cibrao de Las, a Ribadavia, ao museo Anfaco ou a Cesantes

O alumnado do Programa para Maiores coñece, a través de varias visitas, a historia e as paisaxes de Galicia

Ao abeiro do programa docente de varias materias de 2º e 3º curso

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Visitas
M. Del Río DUVI 06/02/2023

Non hai mellor xeito de adquirir coñecemento que achegarse directamente ás súas fontes e iso foi o que fixeron as e os alumnos do Programa para Maiores da Universidade de Vigo nos últimos días. No marco de tres materias (Historia de Galicia I, Historia de Galicia II e Xeografía de Galicia: paisaxes naturais e humanas) visitaron varias paraxes das provincias de Pontevedra e Ourense para coñecer de preto o pasado castrexo, os sectores do viño e da conserva ou algunhas das paisaxes máis características das rías.

Así, un grupo de estudantes de Historia de Galicia I do 2º curso do PUM visitaron o pasado xoves acompañados polo docente Antonio Giráldez Lomba o castro de San Cibrao de Las, o de maior extensión de todos os que se atoparon en Galicia. O alumnado puido coñecer o parque arqueolóxico e o museo, aclarando así diferentes aspectos relacionados coa construción das murallas, o urbanismo e as características das vivendas dun castro. Esta saída de estudos tamén incluíu unha parada en Ribadavia, para coñecer o castelo dos Sarmiento, as igrexas da vila e o barrio xudeu, cunha parada posterior no Museo do Viño de Galicia, lugar no que, como explica o seu docente “se aproveitou para saber máis sobre todos os aspectos vencellados coas denominacións de orixe do viño galego e, de maneira especial, sobre a denominación de orixe Ribeiro”. 

Un día antes, o mércores, outro grupo da materia Historia fe Galicia II do 3º curso do PUM realizou tamén unha visita de estudos, desta volta, ao museo de Anfaco, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, tamén da man do docente Antonio Giráldez Lomba. Nas instalacións situadas no campus de Vigo achegáronse á orixes da industria conserveira, coñeceron a historia dos primeiros empresarios, os primeiros lugares nos que se implantou este sector e as primeiras técnicas empregadas. “A visita serviu”, como recalca o docente, “non só para coñecer a transformación industrial que experimentou este sector ao longo do tempo, senón tamén para saber do efecto de ‘arrastre’ que tivo noutros sectores e dos aspectos humanos e sociais que trouxo consigo na vida de moitas familias na historia de moitas vilas de Galicia”. 

Finalmente, outro grupo de estudantes do 3º curso do PUM, desta volta da materia Xeografía de Galicia: paisaxes naturais e humanas, realizaron tamén unha visita á contorna das rías de Vigo e Pontevedra, con paradas na praia de Cesantes, na cidade de Pontevedra e en Lourizán e, finalmente, nas salinas do Ulló, en Vilaboa. A finalidade desta visita, organizada polo profesor Francisco Xavier Méndez, era coñecer as paisaxes e medio natural, así como a paisaxe urbana e o patrimonio desta zona da provincia.