DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartirán, co apoio de investigadores da UVigo, relatorios en cafeterías de Vigo, Ourense e Vigo

O alumnado do Programa para Maiores exercerá de embaixadores e embaixadoras da ciencia ante a cidadanía

As charlas están abertas ao público xeral e abordarán temas de actualidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
M. Del Río DUVI 07/06/2022

O Programa para Maiores da Universidade de Vigo, que este ano celebra o seu vixésimo aniversario, conta nas súas aulas cun alumnado que, tras décadas de dedicación profesional, ten coñecementos e experiencia sobre temáticas moi diversas. Para aproveitar todo ese potencial a vindeira semana botará a andar o ciclo Embaixadores/as da ciencia e do coñecemento, unha iniciativa que tratará de achegar o seu saber sobre temas como medicina, xeopolítica, emprendemento, clima ou enerxía a toda a cidadanía.

Esta proposta, que se enmarca dentro do plan anual Ciencia de ida e volta da UCC+i da Universidade de Vigo, financiado pola FECYT–Ministerio de Ciencia e Innovación, comprenderá relatorios de cinco estudantes sénior da Universidade que, acompañados e asesorados por persoal investigador de cada un dos eidos, terán lugar en cafeterías e bares de Vigo, Ourense e Pontevedra. En total serán cinco conferencias “de carácter divulgativo a abertas a toda a cidadanía”, como explica o coordinador do Programa para Maiores, José Luis González Cespón. “A idea é aproveitar a grande experiencia na vida que teñen estes estudantes, os seus coñecementos sobre temáticas ás que, en moitos casos, lles dedicaron toda a súa vida laboral, para reflexionar como eran eses campos cando eles comezaron, como evolucionaron e como semella que poderán ser no futuro”.

Para achegar un respaldo científico, cada un dos cinco estudantes sénior que participarán no ciclo conta co asesoramento e as achegas dun investigador ou investigadora da Universidade de Vigo con experiencia no ámbito concreto sobre o que versará o relatorio. Durante as semanas previas ambas partes deseñan, preparan e argumentan os contidos que se van expoñer, “unindo coñecemento e experiencia nunha simbiose moi interesante”, destaca González Cespón.

Ademais, outra das patas sobre as que se asenta esta iniciativa é a divulgación, a idea é achegar todo este coñecemento á sociedade en xeral, levalo fóra dos campus e poñelo a disposición da cidadanía. Para isto, apostouse por impartir estas conferencias en bares e cafeterías das cidades, “de modo que mentres tomas un café, podes tamén coñecer algo máis sobre temáticas de actualidade”, engade González Cespón.

Cinco charlas entre os tres campus

En total serán cinco charlas, que comezarán en Pontevedra o vindeiro 15 de xuño, no Café Moderno ás 19.00 horas con dúas propostas. Por unha banda, o alumno José Meilán García explicará os motivos polos que camiñar é unha das mellores medicina para o home. Para preparar esta exposición, Meilán contou coas achegas do investigador Iván Martínez Lemos, do Wellness and Movement Research Group, que tamén estará presente no relatorio. A segunda intervención da xornada correrá a cargo de José Moure García, que se centrará na xeopolítica e, en concreto, na alianza de nación para buscar un beneficio común. Neste caso, o investigador implicado é o profesor Luis Velasco Martínez, da Área de Historia Contemporánea do Departamento de Historia, Arte e Xeografía. 

A seguinte cita será en Ourense o 20 de xuño, tamén ás 19.00 horas, en El Pueblo Café Cultural. Desta volta será a alumna sénior Antonia Blanes Hermida a que falará sobre emprendemento feminino, co asesoramento de Alberto Vaquero, investigador do grupo GEN - Governance and Economics Research Network e coordinador do PUM no campus de Ourense.

O programa concluirá en Vigo o mércores 22 de xuño ás 19 horas no Café Vitruvia, cun evento que contará tamén coa presenza da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. Nesta cita abordaranse dous temas. Por unha banda, Arsenio Gallego Chacón, estudante do programa e meteorólogo, falará sobre clima e cambio climático, co asesoramento de Xotchil Ilosvay, investigadora predoutoral de Future Oceans Lab. O segundo poñente da xornada será Manuel de Cal Zapata, que afondará na evolución da enerxía térmica coa axuda de Fernando Cerdeira, investigador do grupo ChETE - Enxeñaría Química, Térmica e Ambiental.