A Casa das Campás acolle ata o 2 de agosto a mostra ‘Como sentes o que eu vexo?’
O alumnado do Programa Universitario de Maiores exhibe os seus proxectos fotográficos
Nela reúnense os traballos de 36 estudantes sénior
Non facer simplemente fotografías, senón xerar imaxes que amosasen sentimentos e historias de vida. Esta foi a proposta que o profesor do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo Luis Pereira trasladou ao alumnado das materias materias Fotografía con smartphone I e II deste programa formativo para persoas maiores de 55 anos. Unha selección dos traballos desenvolvidos por 36 estudantes sénior do campus pontevedrés reúnense en Como sentes o que eu vexo?, unha mostra fotográfica que ata o 2 de agosto pode visitarse na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus.
“Esta exposición busca dalgunha maneira recordar que existides e que sodes creadores e creadoras”, lembrou a coordinadora do PUM no campus, a profesora Ana Acuña, ao estudantado sénior que este mércores participou na inauguración desta mostra. Conformada por 53 fotografías e series, realizadas por 36 estudantes do programa, na exposición vense reflectidos múltiples intereses e temáticas, con imaxes que van das paisaxes naturais e urbanas á propostas que experimentan coa luz e que son o resultado do seu traballo nunhas materias nas que Pereira “estimulounos a mirar, a experimentar, a xogar coa fotografía”, como sinalaba unha das alumnas participantes.
A mostra complétase á súa vez cun libro artesanal con fotografías de árbores, realizado pola alumna Nita Rivas tamén no marco destas materias, e coa proxección en vídeo doutras 28 fotografías, que exhíbense en formato dixital por falta de espazo. A estas súmanse á súa vez unha serie de vídeos de actividades do PUM realizados cun dron por parte dun dos estudantes e outra serie de imaxes e información que afondan na traxectoria e obxectivos deste programa que mantén aberto nestes días o seu período de preinscrición para o curso 2024/2025.
Á mostra serve tamén, sinalou Acuña, para “poñerlle o ramo” a un curso no que o PUM contou en Pontevedra con 113 alumnos e alumnas e de facelo pondo o foco na “creatividade” do seu alumnado, nun campus que ten neste ámbito o eixe do seu proxecto de especialización. Do mesmo xeito, a mostra constitúe “dalgunha maneira unha despedida e benvida”, ao rematar a etapa de Acuña na coordinación do PUM no campus, da que se responsabilizará a partir de setembro a profesora da Facultade de Fisioterapia Iris Machado.
Inscricións abertas ata o 15 de xullo
Orientado a potenciar a formación ao longo da vida e dirixido a calquera persoa maior de 55 anos, o Programa Universitario de Maiores, dependente do Centro de Posgrao e Formación Permanente, mantén aberto ata o 15 de xullo o seu prazo de preinscrición, tanto para o ciclo intensivo como para o integrado. O primeiro ten unha carga docente de 60 créditos ECTS, repartidos en catro cursos, nos que as e os participantes poden formarse nun conxunto de materias específicas, centradas na divulgación, análise e reflexión sobre aspectos de diferentes temas científico-culturais; a contorna natural, social cultural e científica; a evolución e achegas da humanidade e a sociedade e a cultura actual e futura. Completado á súa vez por unha serie de actividades complementarias, este ciclo intensivo contou no presente curso cun total de 99 alumnos e alumnas no campus, aos que lle se ofertaron 42 materias.
O único requisito para cursar este ciclo é ter 55 anos ou máis ou ser maior de 50, no caso de quedar prazas libres, mentres que para matricularse no ciclo integrado é preciso ter completado previamente o intensivo ou ter estudos universitarios previos. Neste caso, o alumnado sénior comparte clase co resto do estudantado de grao nunha serie de materias de diferentes titulacións. Cunha carga docente de 36 créditos ETCS, este segundo ciclo contou no presente curso en Pontevedra con 14 matriculados e matriculadas e cunha oferta de 47 materias.