DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de vídeos divulgativos, que desenvolve co asesoramento desta organización

O alumnado de Publicidade e RRPP traballa coa ONG Ecos do Sur na loita contra a desinformación

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo coordinado polo profesor Alberto Dafonte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 29/04/2021

Crear unha serie de vídeos divulgativos que acheguen estratexias e recomendacións para facer fronte ás noticias falsas que se difunden a través da rede é o obxectivo do traballo que desenvolven máis de 70 estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas no marco dunha iniciativa coordinada polo profesor Alberto Dafonte, que levan a cabo coa ONG Ecos do Sur. Inserido na materia Teoría e práctica da comunicación televisiva, trátase do proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática, que este docente pon en marcha por segundo curso e que busca sumar a competencias propias da materia, como a creación de contidos audiovisuais e a súa adaptación a públicos concretos, unha aprendizaxe transversal que achegue o alumnado a diferentes realidades sociais. Nese propósito, os diferentes grupos de traballo desenvolven os seus proxectos coa colaboración de Ecos do Sur, que achégalles formación complementaria e asesoramento ao longo do cuadrimestre.

“Ecos do Sur coñeceu o proxecto que levamos a cabo o ano pasado e pareceulles interesante colaborar con nós, o que dá ao alumnado a oportunidade de traballar cunha entidade moi centrada na inmigración, á que unha das cuestións que lles preocupa son os boatos que moitas veces se difunden sobre esta poboación”, salienta Dafonte. Como explica Natalia Monje, responsable de Comunicación desta ONG galega fundada en 1991 e centrada na loita contra as desigualdades, Ecos do Sur traballa desde 2016 na “prevención e abordaxe da desinformación e o discurso do odio en internet, a través da liña CibeRespect”, unha iniciativa que foi recoñecida co Premio á Innovación Social da Fundación La Caixa e co premio de boas prácticas do Colexio de Traballo Social de Galicia. Nesta liña de traballo, Ecos do Sur levou a cabo diferentes proxectos de ApS en colaboración coas universidades galegas, unha experiencia que co “auxe da desinformación desatada coa pandemia” viron necesario ampliar ao ámbito da comunicación. Con esa idea, e no marco dos proxectos de ApS Platonic e CibeRespect LINK, que contan co financiamento da Fundación La Caixa e da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, Ecos do Sur buscou implicar ao alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación nunha liña de actuación que abrangue o desenvolvemento de “ferramentas accesibles que permitan frear a vaga de odio e desinformación nas redes sociais, que impacta na vida dos barrios”, así como de “accións xeradoras de prototipos de sensibilización”, co propósito de “pór ao servizo da cidadanía os coñecementos adquiridos a través dunha plataforma dixital”. 

Definir a mensaxe e orientala a un público

Aínda que limitado no seu desenvolvemento polo confinamento, este proxecto levouse a cabo por primeira vez o pasado curso e tiña como obxectivo que os vídeos contra as noticias falsas do alumnado xurdisen do diálogo con expertos ou colectivos, para o que contaron coa colaboración do banco de tempo A Redeira, “co que seguimos tendo vínculos e interese en seguir colaborando”, apunta Dafonte. Con eses mesmos obxectivos, a iniciativa mantén este curso unhas “liñas temáticas abertas, dentro da desinformación”, de tal xeito que os grupos poden optar tanto por pezas que presenten “pautas xerais de verificación”, como pór o foco en temáticas ou colectivos que se ven frecuentemente “atacados” polas fake news, como sería o caso da poboación inmigrante, os movementos feministas ou os colectivos LGBTI, ao igual que poderían centrarse, neste contexto de pandemia, nas accións dos “movementos negacionistas”. Ao mesmo tempo, os grupos de traballo teñen que definir os públicos aos que queren dirixir as súas mensaxes, que condicionarán a estratexia comunicativa dos seus traballos. Cada grupo deberá presentar ao final do cuadrimestre unha serie de catro vídeos en formato vertical para redes como TikTok ou Instagram e outro horizontal, “xa pensado para Youtube ou Facebook”, como explica Dafonte dunha iniciativa inserida nunha liña de traballo centrada nas fake news, eixo á súa vez do proxecto de investigación Narrativas digitales contra la desinformación, que o grupo Sepcom desenvolve actualmente co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Previamente, aqueles e aquelas estudantes que decidiron sumarse a este proxecto de ApS participaron en dúas sesións de formación complementaria virtuais impartidas por Ecos do Sur e centradas, explican, na orixe e o alcance da desinformación e nas “estratexias que se que se están desenvolvendo desde a comunicación para facerlle fronte”. Do mesmo xeito, ao seguimento que Dafonte realiza dos diferentes traballos súmase o asesoramento que lles brindan desde a ONG. “Traballamos man a man cos grupos e acompañámolos en todo o proceso de produción e lanzamento”, salienta a súa responsable de Comunicación.