DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dunha materia na que empregan a metodoloxía de aprendizaxe-servizo

O alumnado de Química deseña un repositorio en liña de conceptos biolóxicos

Destinado á sociedade en xeral e aos centros de educación secundaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
María Álvarez DUVI 10/12/2021

As novas tecnoloxías permiten que a información sexa cada día moito máis accesible para todo tipo de públicos. Para aproveitar esta accesibilidade, Miguel Arenas, profesor da Facultade de Química da Universidade de Vigo decidiu poñer en marcha o proxecto Divulgación virtual de bioloxía á sociedade, unha iniciativa destinada a difundir entre a cidadanía os coñecementos que o alumnado adquire na súa materia a través dunha páxina web. Para isto, o docente emprega nas súas horas de clase a metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), unha estratexia que, como explica Arenas, “resulta motivadora para o estudantado, xa que se senten útiles ao achegar beneficios á sociedade”. En definitiva, trátase de que o alumnado aprenda ao tempo que realiza un servizo á comunidade, algo que o docente considera “amplamente positivo e recomendable” fronte a un sistema educativo no que non é usual a aplicación dos contidos que se ensinan. 

A información e os coñecementos ao servizo da sociedade

O proxecto, que arrancou en setembro co comezo do curso, insírese na programación da materia Bioloxía, impartida no primeiro curso do Grao en Química. O obxectivo é deseñar e poñer en marcha unha web que recolle unha ampla selección de conceptos biolóxicos e as súas explicacións científicas. O docente é o encargado de propoñer contidos e as e os estudantes debaten sobre o mellor xeito de abordalos na plataforma. Aínda que a páxina está en proceso de elaboración, ao rematar o cuadrimestre comprenderá contidos relacionados, por exemplo, coa estrutura celular dos seres vivos; a división e o ciclo celular; o deseño xeral do metabolismo; a fotosíntese; o ADN; o ARN ou o sistema inmunitario. Sobre os destinatarios, Arenas avanza que é accesible para calquera tipo de público, pero a súa idea inicial é que esta web serva principalmente para mellorar a formación do alumnado pre-universitario, en concreto, o seu obxectivo é “proporcionar o material seleccionado a diferentes centros de educación secundaria” da contorna.

A metodoloxía ApS ábrese paso na Universidade de Vigo

Arenas subliña a importancia de empregar o sistema de aprendizaxe-servizo na docencia, xa que “ten un efecto beneficioso para o estudantado porque comezan a sentir que o que aprenden é útil” grazas á aplicación real dos contidos impartidos na aula. Os conceptos deixan de presentarse fóra do seu contexto, de ser entidades intanxibles e abstractas para comezar a ser empregados na súa contorna co engadido de que, ademais, poden servir para mellorar a sociedade. Por outra banda, o docente indica que a pesar de que “sexa complicado deseñar actividades ApS nalgúns ámbitos, estas deben ser empregadas como ferramentas para os docentes”, é dicir, o profesorado debe servirse deste enfoque para enriquecer as súas leccións e, así, manter a motivación e o sentimento de utilidade no alumnado. De feito, o docente da Facultade de Química animouse a probar esta metodoloxía xa que a considera “moi enriquecedora, tanto para a aprendizaxe coma para a motivación e o desenvolvemento persoal”.