DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este mércores no campus

Alumnado de Relacións Internacionais achégase á situación socio-xurídica do estado de Palestina e ao xenocidio en Gaza

Foi ofrecida polo profesor da Hebron University Mutaz M. Qafisheh

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 11/02/2026

A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebrou este mércores unha xornada sobre Palestina que correu a cargo de Mutaz M. Qafisheh, profesor de Dereito Internacional do Hebron University College of Law and Political Science, de Palestina. Ao longo da súa intervención, o relator quixo, tal e como explicou, afondar nas implicacións xurídico-políticas da membresía de Palestina nas Nacións Unidas; en cara onde avanza o caso de Palestina ante o Tribunal Penal Internacional; no xenocidio en Gaza e na transformación da orde xurídica internacional; e na cidadanía palestina e a cuestión dos refuxiados.

Mutaz M. Qafisheh conta cunha dilatada traxectoria profesional na que destaca ser fundador e decano do citado College of Law and Political Science, da Hebron University, da que actualmente é profesor, ademais de ter traballado no Comisionado de Dereitos Humanos de Nacións Unidas. Como punto de partida para a súa abordaxe do conflito palestino desde o dereito internacional e os dereitos humanos, o profesor indicou que o vivido en Palestina “é un xenocidio”, a destrución da vida de persoas, de civís, de nenos, etc, coa particularidade, fronte a outros xenocidios xa vividos pola humanidade, de que neste caso, dixo, “a xente non ten incluso o privilexio de poder escapar del”. Así, lembrou que a poboación de Gaza, arredor de dous millóns de persoas, “ten que estar vivindo nun espazo moi pequeno de terra, en 360 km cadrados, o que sería como unha cidade de tamaño medio”. Fronte a este xenocidio, indicou, “a comunidade internacional está mirando e facendo case nada”. 

De Palestina á nova orde internacional

Laura Carballo, catedrática de Dereito Privado da UVigo, decana da Facultade de Relacións Internacionais e coordinadora da actividade, explicou que o obxectivo da xornada celebrada en Ourense foi achegar ao alumnado de Relacións Internacionais “distintos aspectos socio-xurídicos relativos ao estado de Palestina e a ocupación israelí; como se está vivindo alí o ataque e as condicións de vida que teñen; como se ven desde a perspectiva dos dereitos humanos e como se pode afrontar a situación”. Sobre a importancia de achegar este conflito ao alumnado da facultade, a súa responsable sinalou que “esta temática é clave en relacións internacionais, entre outras cousas porque o que está pasando en Palestina está afectando directamente ao corazón do dereito internacional. De feito está sendo a punta de lanza para destruír a orde internacional”. Neste senso subliñou que é “moi importante saber que dereitos e que obrigacións se están violando en dereito internacional en relación con Palestina para entender a dimensión do que está ocorrendo e como nos pode afectar ao resto do mundo este posicionamento en contra dunha orde internacional baseada en regras e sobre todo no respecto dos dereitos humanos”. 

A visita de Mutaz M. Qafisheh a Ourense enmárcase na celebración do obradoiro Loita contra a discriminación nas cadeas de valor da pesca e da acuicultura que terá lugar o 12 e 13 de febreiro no edificio Redeiras do campus de Vigo, organizada ademais de pola UVigo por Mulleres Salgadas e I Exist Too, o Concello de Vigo, a rede de investigación financiada pola UE COST Acción Blue Rights; a ONG británica Seafarers’ Charity e asociación estadounidense SAGE.  “COST Action Blue Rights é unha rede de investigadores centrada en discutir os dereitos humanos no mar e teremos este evento en Vigo focalizado nesta cuestión, no respecto dos dereitos humanos nos mares e océanos, incluíndo o dereito dos palestinos a acceder aos recursos pesqueiros e ao seu mar territorial”, indicou Laura Carballo. A profesora lembrou neste senso que “desde que comezou a ocupación de Gaza e o xenocidio destruíse por completo a flota pesqueira e considéranse obxectivos de guerra aos mariñeiros que alí traballan, afectando esta situación a unhas 6000 familias”.