DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación Asaexs emite unha serie de programas a través da plataforma Twitch

O alumnado sénior do campus impulsa a súa propia radio

Participan así mesmo no espazo ‘Radio 50yPico’ da Fegaus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/03/2021

“Feita con medios rudimentarios”, pero tamén con moita ilusión, e co obxectivo de “dar voz e presenza aos maiores”, a asociación de alumnado e ex-alumnado sénior do campus de Pontevedra (Asaexs) impulsou a súa propia “radio online”, á que deron o nome de Ponte na Onda. A través da plataforma Twitch, a asociación emite cada semana unha serie de programas de produción propia, espazos que, como explica o presidente de Asaexs, Miguel Ángel Yebra, constitúen por agora “pequenas probas para fixar o que pode ser a liña da emisora definitiva”. A estes súmase ademais, a redifusión de Radio 50yPico, un programa impulsado pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus), que realizan semanalmente alumnos e alumnas dos programas de maiores de cinco campus galegos. 

Xunto a Yebra, os tamén alumnos do Programa Universitario de Maiores no campus pontevedrés Gloria Pérez Prieto, Carmen Pérez Tilve e Juan José Meilán conforman na actualidade o equipo responsable de Ponte na Onda. Mais, como sinala o presidente de Asaexs, o obxectivo é “ir incorporando máis xente” a unha actividade que, como lembra, “no fondo está a ser case como a nosa segunda Universidade”, nestes meses nos que a pandemia da covid-19 limitou a actividade presencial na Universidade, e que se suma ademais á revista dixital Gaudeamus no propósito da asociación de “dar voz” ao alumnado sénior do campus.

Primeiros pasos

Como explica Yebra, responsable tamén da “parte técnica e de son” desta programación, para a que conta coa axuda e “a paciencia infinita” do alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Carlos Martín, a canle de Ponte na Onda emite “música de forma permanente e os mércores, coincidindo coa emisión de Radio 50yPico, facemos a nosa programación”. Trátase por agora, sinala, das “primeiras gravacións e ensaios”, nas que as e os responsables desta iniciativa abordan diferentes temáticas, desde aspectos relacionados coa historia a espazos centrados en diferentes persoeiras galegas, pasando por entrevistas como a realizada recentemente a directora da restauración do Pórtico da Gloria, Ana Laborde, ou por “un programa que estamos probando, aínda sen título definido, de rutas por Galicia”.

A estas gravacións suman ademais a redifusión, en diferentes franxas horarias, do programa que alumnado sénior dos tres campus da Universidade de Vigo e dos campus da Coruña e Lugo realiza cada semana na radio comunitaria coruñesa Cuac Fm. “A idea da radio era unha aspiración que tiñamos desde hai tempo e había esa mesma inquedanza no alumnado da UDC, polo que decidimos unir forzas e facer un proxecto común para toda Galicia”, relata Yebra dun proxecto, auspiciado pola Fegaus, que iniciou as súas emisións o pasado mes de novembro e do que forman parte tanto o presidente de Asaexs como a vicepresidenta Gloria Pérez. “Confecciónase un programa dunha hora, unha especie de magazine”, explica o responsable da asociación de alumnado sénior do campus desta iniciativa na que, sinala, “temos unha participación moi activa” e para a que contaron tamén coa formación dos responsables de Cuac Fm.