DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada na que expuxeron os resultados de 18 traballos arredor desta temática

Alumnado de Traballo Social achega as súas ideas para acadar museos máis inclusivos

Compartiron as súas experiencias con membros do Museo Etnolóxico de Ribadavia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 15/12/2021

As e os alumnos de primeiro curso do Grao en Traballo Social realizaron ao longo deste primeiro cuadrimestre traballos en grupo centrados en como determinados colectivos susceptibles de exclusión ou prexuízos están ou non representados nos museos e se forman parte das súas audiencias. Co obxectivo de “conectar a aula e a sociedade”, este mércores expuxeron o seu traballo ante responsables do Museo Etnolóxico de Ribadavia e doutras entidades.

Procesos de dó e colectivos con diversidade funcional

A iniciativa é froito do traballo conxunto das materias de Psicoloxía Básica, impartida pola profesora María José Vázquez, e Antropoloxía Social e Cultural, impartida por Fátima Braña. Nela, o alumnado tivo que realizar “un traballo de investigación continuado no que analizou poboación e fenómenos sociais”. Concretamente, as e os estudantes traballaron con poboación diversa a nivel funcional, preguntándose e investigando se as persoas que, por exemplo, sofren enfermidades dexenerativas, poden acceder aos museos en condicións de igualdade con outras persoas. Tamén traballaron cos procesos de dó pola morte e a perda, non só de persoas queridas senón tamén de situacións persoais ou perda de órganos. “O alumnado pensou e investigou se estas temáticas deberían ou non ser parte das representacións que os museos ofrecen aos seus públicos e tentou coñecer se as persoas inmersas nestes procesos persoais pensan que, nas circunstancias que están a atravesar, os museos poden desempeñar un papel positivo”, comenta Fátima Braña. Con este traballo, engade María José Vázquez, buscouse que o alumnado desenvolvese, “ademais de competencias instrumentais, o trato humanitario e digno que deben percibir todas as persoas que son atendidas polos futuros profesionais do traballo social”.

Nas aulas fixéronse 18 grupos de traballo e cada un realizou unha investigación, seguindo o modelo dos traballos fin de grao, e coa revisión continua das profesoras implicadas. Cada grupo elaborou un pequeno vídeo presentando as principais achegas dos traballos feitos e incidindo na transmisión do coñecemento adquirido ao longo do proxecto, de forma que se poida comunicar esa información ao persoal dos museos de Ourense. Na sesión celebrada este mércores na Facultade de Educación e Traballo Social, o alumnado expuxo os seus vídeos e conclusións e puido compartir con César Llana, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, e Rosa Fernández, secretaria da Asociación Amigos do Museo Etnolóxico e Conxunto Histórico de Ribadavia, o aprendido este cuadrimestre.

Un traballo interdisciplinar

“O alumnado recolle as competencias desde unha metodoloxía cooperativa e consegue achegarse tanto a unha realidade social como aos museos, institucións ao servizo da sociedade que serán de interese para o seu futuro desenvolvemento como profesionais do traballo social”, comenta Fátima Braña. “Unha das cuestións que nos levou a traballar de forma coordinada é poder xuntar distintas áreas de intervención ante un mesmo problema (como por exemplo enfermidades neurodexenerativas, separación e divorcio, comunidade, cultura..), todo iso para que os estudantes perciban as materias de forma interrelacionada e que a abordaxe dun problema social require adoptar unha perspectiva interdisciplinar”, subliña pola súa banda María José Vázquez. A antropoloxía, engade a profesora, “pon o foco de atención en cuestións que a psicoloxía básica non é quen de tratar na aula (por limitacións de tempo e contido da guía docente), por iso resulta un proceso altamente enriquecedor que a docencia, e non só a investigación, acabe creando un produto ou resultado interdisciplinar”.