DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor asinou este mércores un convenio de colaboración co conselleiro maior, José Antonio Redondo

O alumnado da Universidade poderá realizar prácticas no Consello de Contas de Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 24/05/2023

A Universidade de Vigo e as outras dúas universidades galegas asinaron este mércores cadanseu convenio de colaboración co Consello de Contas de Galicia, en materia de investigación e formación. No caso concreto da UVigo, o reitor Manuel Reigosa e o conselleiro maior, José Antonio Redondo, formalizaron un acordo relativo á realización de prácticas académicas externas curriculares e extracurriculares do alumnado. O convenio establece que o Consello de Contas acollerá cada curso académico dous estudantes para realizar prácticas académicas externas.

As condicións de cada praza de prácticas recolleranse nun anexo a este convenio no que figurará a duración, a modalidade e o lugar onde se realizan as prácticas, así como o proxecto formativo obxecto da práctica. A Universidade de Vigo designará un titor ou titora académica para cada estudante en prácticas, mentres que, pola súa banda o Consello de Contas de Galicia designará tamén unha persoa con experiencia profesional e cos coñecementos necesarios para realizar unha tutela efectiva. A Universidade de Vigo, a través dos seus centros docentes ou as propias Comisións de Mestrados, outorgaralle a esa persoa designada pola entidade a certificación na que se recoñeza a tarefa realizada.

A duración das prácticas curriculares virá determinada de acordo coa súa cuantificación en créditos na memoria de verificación do título. A duración máxima das prácticas externas extracurriculares axustarase á normativa complementaria desenvolvida pola Universidade de Vigo, agás as prácticas profesionalizantes. A duración total de prácticas nunha mesma entidade colaboradora, sexan curriculares ou extracurriculares, non poderá exceder os 30 créditos ECTS ao longo da titulación, sexa ou non de forma interrompida e cuantificaranse para estes efectos 25 horas/crédito (750 horas)

Convenios coa USC e a UDC

Ao acto de sinatura deste mércores asistiron tamén os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Universidade da Coruña, Julio Abalde. A institución coruñesa, ao igual que a UVigo, tamén asinou un convenio para a realización de prácticas por parte do alumnado, acordo que coa USC xa existiría con anterioridade. Ademais, tamén se formalizou un convenio, a través da súa Cátedra de Dereito Local, para fomentar o intercambio de información, coñecemento e persoal nos cambos da docencia, a investigación e a divulgación, e que teñan que ver coas entidades locais de Galicia.

Pola súa banda, a universidade compostelá asinou un acordo co Consello de Contas para levar a cabo un proxecto de investigación no eido da economía aplicada vinculada á contabilidade analítica no ámbito da Administración local galega. Os resultados desta colaboración redundarán na análise que fará o Consello de Contas nun informe que ten programado sobre o custe efectivo dos servizos públicos municipais.