DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estaban chamados ás urnas 17.000 estudantes

O alumnado da UVigo elixe os seus representantes no Claustro

Os resultados definitivos non se darán a coñecer ata o día 27

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Estudantes
DUVI 13/05/2024

O alumnado da Universidade de Vigo elixiu este luns os que serán os seus representantes no Claustro. Se ben estaban chamados ás urnas 17.000 estudantes, finalmente, foron numerosos os centros nos que non foi preciso realizar votacións ao haber menos ou igual número de candidatas e candidatos que claustrais a elixir. 

A diferencia do resto dos sectores da comunidade universitaria, que elixen os seus representantes ao Claustro cada catro anos, o alumnado, cuxos integrantes supoñen o 25% do total dos membros deste órgano, acoden ás urnas cada dous anos.  

En moitos centros non foi preciso realizar comicios

Nesta ocasión, no campus de Vigo estaban chamadas ás urnas 9039 estudantes -8176 de grao e mestrado e outros 863 de doutoramento-. Presentáronse en total 34 candidaturas, se ben  en Filoloxía e Tradución, Ciencias Económicas e Empresariais, Comercio e Química non foron precisas as votacións. No caso de Ourense, onde se rexistraron 21 candidaturas, podían votar 4624 mozos e mozas -4337 son alumnos e alumnas de grao e mestrado e outros 287 de doutoramento-, celebrándose votacións en tres centros: Historia, Educación e Traballo Social e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. En Pontevedra, onde o censo comprendía 3411 estudantes  -3206 deles de grao e mestrado e outros 205 de 3º ciclo-, finalmente, solo tiveron que acudir ás urnas o alumnado das facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública, quedando tres centros sen representantes por falta de persoas candidatas: Belas Artes, Fisioterapia e Deseño.

Os resultados provisionais non se coñecerán ata o día 20 e os definitivos, tras un prazo de reclamacións, serán publicados o luns 27.