Estudantes de 12 titulacións participaron nun estudo realizado no marco da Cátedra de Feminismos 4.0
O alumnado da UVigo emprega máis a intelixencia artificial para cuestións persoais que académicas
A maioría amosa non ser consciente dos nesgos de xénero presentes nestas ferramentas
Un estudo desenvolvido con 687 estudantes de doce titulacións dos tres campus da Universidade de Vigo amosa que o alumnado emprega con maior medida a intelixencia artificial xerativa para fins persoais que para cuestións académicas, constatándose unha “infrautilización das posibilidades pedagóxicas” destas ferramentas. Realizado pola profesora da Facultade de Dirección e Xestión Pública Sara Torres, no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, este traballo permitiu constatar tamén que a maior parte do estudantado “non é consciente dos nesgos que poden reproducir os modelos de IA, mostrando limitacións significativas en pensamento crítico e alfabetización dixital”, segundo sinala a súa responsable.
Seleccionado na convocatoria de axudas á investigación da cátedra promovida pola UVigo e a Deputación de Pontevedra, o proxecto Intelixencia artificial no ámbito universitario. Análise de xénero nos usos, motivacións, consideracións éticas e percepción dos nesgos tiña como obxectivo “examinar as prácticas de uso da intelixencia artificial entre o alumnado da UVigo”, así como a súa “percepción de nesgos e cuestións éticas asociadas ao seu uso”. Do mesmo xeito, buscaba tamén “xerar propostas para o desenvolvemento de políticas e prácticas institucionais orientadas a un uso responsable e equitativo da intelixencia artificial” na Universidade.
Ferramentas empregadas como “un atallo”
Un total de 687 estudantes de titulacións de diferentes ámbitos, o 62% mulleres, participaron nunha enquisa que, en primeiro termo, permitiu constatar que preto do 80% do alumnado emprega a intelixencia artificial “con relativa frecuencia para cuestións persoais”. Pola contra, aproximadamente a metade das persoas participantes afirmaron non empregala “nunca ou case nunca con fins académicos”, subliña a investigadora.
En termos xerais, a maior parte do alumnado emprega estas ferramentas practicamente a diario ou “unha ou dúas veces por semana” para finalidades persoais ou de ocio, mentres que o seu uso académico destaca polo “predominio de tarefas de apoio básico”, como a xeración de ideas, a elaboración de resumos ou a procura rápida de información. Pola contra, é pouco frecuente a súa utilización para tarefas como a corrección ortográfica ou gramatical, a tradución de textos, a práctica de idiomas ou a creación de contidos, xa que máis da metade das e dos participantes afirmaron non empregar nunca a intelixencia artificial para este tipo de labores. “Utilízanas máis como un atallo”, conclúe Torres, que incide en que os usos maioritarios están vinculados con “aforrar tempo”, sen que estes supoñan unha “aprendizaxe”, o que lévaa á súa vez incidir en que este tipo de tecnoloxías poden contribuír tamén ao fomento do pensamento crítico, a creatividade e a aprendizaxe autónoma.
Descoñecemento dos nesgos
A maior parte do alumnado participante neste estudo amosa “incerteza ou descoñecemento” respecto dos “nesgos que poden reproducir os modelos de intelixencia artificial”, que poden converterse “nun vehículo de reprodución das desigualdades de xénero”, lembra Torres. Nese senso, a opción de ‘non sei/non respondo’ foi a seleccionada en maior medida polo estudantado participante nas preguntas referidas aos nesgos. Nelas rexistrouse tamén algún resultado “sorprendente”, recoñece esta docente, como que “un número significativo” de participantes, un total de 217, considere que os procesos destas ferramentas “son neutros e imparciais”.
Mais, por outra banda, existe alumnado que si observa nesgos concretos nestas ferramentas, sendo os máis sinalados os relacionados coa lingua, a idade, o xénero e aspectos étnicos ou de clase.
Os resultados desta enquisa permiten tamén constatar “un nivel de preocupación significativamente maior” entre as alumnas á hora de que a intelixencia artificial poida proporcionarlle información incorrecta ou pouco fiable, afirmación coa que se amosaron de acordo ou moi de acordo o 78% das participantes, unha porcentaxe superior nun 10% á dos alumnos. As estudantes amosaron tamén unha maior preocupación respecto do que o profesorado poida detectar o uso da IA nas súas tarefas, ao tempo que se amosaron menos propensas a empregar estas ferramentas “para matar o tempo”. En termos xerais, explica Torres, as estudantes empregan máis estas ferramentas para a “xeración de ideas”, mentres que os estudantes úsanas en maior medida para análise de datos, apoio na programación informática ou xeración de códigos. Neste punto, a investigadora incide en que o ámbito de coñecemento no que se insiren os estudos de cada estudante é “o factor que mellor predí” que tipo de usos outorga o alumnado ás ferramentas de intelixencia artificial.
Unha “tecnoloxía que a comunidade educativa ten que adoptar”
A investigación completouse coas entrevistas realizadas a seis docentes, que coincidiron en sinalar estas ferramentas como unha tecnoloxía “que a comunidade educativa ten que adoptar”, explica Torres. No referido ao seu uso por parte dos estudantado, sosteñen que existe tanto un uso xeral de diferentes aplicacións como “asistencia á produción académica”, como outro de “apoio técnico especializado”, ligado a titulacións STEM. Alén disto, puxeron o foco en que estas ferramentas son empregadas polos universitarios e universitarias “baixo unha lóxica de racionalidade instrumental”, carecendo “das competencias críticas básicas para identificar os fallos sistémicos da intelixencia artificial e detectar nesgos na información xerada”.
No seu conxunto, subliña Torres, os resultados desta investigación resaltan a necesidade dunha “alfabetización dixital crítica e reflexiva” e de proporcionar formación específica ao estudantado, co obxectivo de “fomentar un uso informado, ético e consciente destas tecnoloxías”. Ao mesmo tempo, as conclusións deste estudo poñen tamén o foco na importancia de desenvolver protocolos de uso destas ferramentas.
A investigación desenvolvida ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 dará tamén como resultado unha publicación nun libro colectivo, coordinado pola universidade polaca de Kielce, no que Torres fai fincapé nesa “necesidade de protocolos de uso” no ámbito académico, así como nos “múltiples retos” que enfrontan as universidades á hora de “xestionar o impacto da intelixencia artificial de forma responsable e eficaz”. Do mesmo xeito, o cuestionario realizado permitiulle tamén levar a cabo un estudo sobre as diferencias no uso de recursos dixitais para a aprendizaxe de linguas estranxeiras segundo o sexo e o ámbito de estudo, cuxos primeiros resultados foron presentados en marzo no Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, na Facultade de Filoloxía e Tradución.
