DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A agrupación PetanaPorta estrea este xoves no Teatro Principal a súa adaptación de ‘O pequeno poni’

Alumnas de Belas Artes completan co audiovisual unha obra teatral sobre o acoso escolar

A través da animación representan o personaxe do neno

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/06/2018

A agrupación de teatro afeccionado PetanaPorta estrea este xoves 28 no Teatro Principal a súa adaptación de O pequeno poni, unha obra do dramaturgo almeriense Paco Bezerra que aborda a problemática do acoso escolar a través dunha historia inspirada en feitos reais. Unha obra que aborda o bullying a través do diálogo entre as personaxes que encarnan á nai e o pai e na que a propia vítima faise presente en escena a través do traballo audiovisual que para esta montaxe realizaron Gels Caletrío e Yvonne López, dúas alumnas do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes.

Interpretada por Mercedes Pardavila, no papel de Irene, e de Paco Pernas, no de Jaime, coa actriz e dramaturga Vanesa Sotelo como directora, esta adaptación estrease este xoves ás 21.00 horas no Teatro Principal, cun prezo de entrada de 3 euros, despois de meses de ensaios que, grazas á colaboración da Universidade, tiveron como sede a Escola de Enxeñaría Forestal. “Trátase dunha obra que aborda o acoso escolar desde as perspectiva dos pais, que teñen dúas formas diferentes de velo e abordalo”, explica Sotelo dunha obra na que o peso recae nos personaxes dos proxenitores e que Bezerra inspirou nuns feitos acontecidos en 2014 en Carolina do Norte (EEUU), onde a un neno que sufrira varios ataques físicos e verbais lle fora prohibida a entrada no centro no que estudaba por levar unha mochila dos debuxos animados de Meu pequeno poni.

A terceira personaxe xestouse en Belas Artes

“Gustounos a obra porque abordaba un problema que segue estando moi latente en todos os colexios e co que é difícil batallar”, sinala Pardavila, que é tamén integrante do Coro do Campus de Pontevedra, dun proxecto no que traballaron coa adaptación en galego realizada por Santiago Cortegoso. Adaptación na que o neno vítima deste acoso recibe o nome de Breixo, personaxe que nunca aparece en escena. “Sabemos todo o que lle pasa por boca dos pais”, explica Sotelo, quen non obstante explica tamén que no texto orixinal recóllense tamén unha serie de anotacións que relatan, por exemplo, a presenza dun retrato que ao longo da obra vai mudando a súa cara pola dun unicornio. Anotacións que nesta montaxe serven como punto de partida a unha creación audiovisual grazas á colaboración da Facultade de Belas Artes, á través da profesora Sol Alonso, que titorizou o traballo que López e Caletrío. 

“Digamos que eles son Jaime e Irene e nós somos Breixo, é como un personaxe máis da obra”, salienta López deste “personaxe” audiovisual que, a través da animación ou do uso do son e da música busca “axudar a comprender todo o que pode chegar a sufrir o neno”. “O que os actores contan e non se ve aparece na obra a través do audiovisual”, engade Caletrío dunha proxección que complementa unha representación “na que non hai moita escenografía” e grazas á que o público pode ver tanto a transformación que vive o retrato como as fotografías dos insultos ao neno pintados na porta dun baño que os pais observan nun móbil en escena. 

Trátase, explican estas alumnas, dunha peza audiovisual que realizaron conxuntamente, asumindo Caletrío o peso na faceta da ilustración e López na de animación, de xeito paralelo á propia montaxe desta adaptación. “Nós íamos aos ensaios e víamos pouco a pouco como se ía facendo a obra”, explica Caletrío dun proxecto que formou parte da súa formación práctica no mestrado e no que, recoñece, “foi moi fácil traballar” co resto do equipo artístico da obra. “A verdade é que nos sorprenderon coa súa creación”, sinala ao respecto Pardavila, ao que Sotelo engade que se trata dun elemento “moi valioso que nos fai visible ese personaxe ausente” á vez que propicia “novas formas de diálogo” entre diferentes disciplinas nunha obra “na que o valor do texto é innegable, pero que tamén a nivel temático aborda un tema de grande actualidade”.