DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No encontro ‘Voces de lo posible’, que terá lugar este sábado e domingo no espazo Kentada

Alumnas de Belas Artes promoven unha reflexión colectiva sobre “o futuro das profesións creativas en Galicia”

Coa participación de representantes de diferentes colectivos e proxectos culturais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 11/12/2025

“Reflexionar de maneira colectiva sobre o presente e o futuro das profesións creativas en Galicia” é o obxectivo central de Voces de lo posible, un encontro cultural promovido polas estudantes da Facultade de Belas Artes Cristina Rus, Sara Ricoy e Laura Hernández, que terá lugar este sábado 13 e domingo 14 no espazo da asociación Kentada. Co propósito de afondar en “traxectorias que demostran que é posible soster e fomentar a práctica artística desde o territorio”, este evento aberto ao público reunirá responsables de diferentes colectivos e proxectos culturais, nunha serie de mesas nas que “compartirán as súas experiencias, desafíos e modos de facer dentro do panorama cultural actual”, segundo sinalan as súas promotoras.

O evento arrancará o sábado, ás 16.00 horas, coa mesa Xestión cultural, comisariado e montaxe. Nela participarán as responsables de VacioCero Servicios Culturales, o artista e doutor en Belas Artes Thomas Apostolou; a comisaria, xestora cultural e historiadora da arte Elena Bangueses e o artista e investigador Alberto Santos, responsable do proxecto itinerante de comisariado e didáctica Ash Projects. Esta primeira xornada completarase cunha conversa sobre a autoedición e a creación, na que intervirá o ilustrador, artista e docente Berto Fojo, membro fundador da asociación cultural Liceo Mutante; representantes de Boa Onda Cómix e a artista e deseñadora gráfica Cynthia Alfonso, cofundadora do estudo de animación experimental Rapapawn.

A actividade continuará o domingo ás 12.00 horas coa mesa Perfiles de dinamización e creación, na que intervirán o artista e investigador Álex Fuertes e representantes de Kentada, unha asociación impulsada por estudantes e antigos alumnos da facultade. Voces de lo posible pecharase ás 14.00 horas coa participación da artista e investigadora Holga Méndez, doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo.