DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na XXXIII edición de ‘Voilá la femme’, que pode verse en Marín ata o 27 de marzo

Alumnas de Belas Artes protagonizan a “exposición de mulleres artistas con maior traxectoria de Europa’

Este ano ten lugar no Museo Manuel Torres e no Ateneo Santa Cecilia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 11/03/2026

Nacida no ano 1992 no Ateneo Santa Cecilia de Marín, co obxectivo de conmemorar o Día Internacional da Muller, a exposición Voilà la Femme alcanza nestas semanas a súa 33 edición, coas alumnas da Facultade de Belas Artes como principais protagonistas. Presentada pola súa comisaria, Celeste Garrido, como a “exposición de mulleres artistas con maior traxectoria de Europa”, reúne nesta edición as creacións de 17 artistas, a meirande parte estudantes deste centro do campus de Pontevedra. Faino ademais coa novidade de contar desta volta con dúas sedes, o propio Ateneo e o Museo Municipal Manuel Torres, nas que poderá visitarse ata o 27 de marzo. 

Inaugurada a pasada semana, trátase dunha mostra que “dá visibilidade ás mulleres artistas, xeralmente recentemente graduadas e vinculadas dalgunha maneira con Galicia”, sinala Garrido, artista e colaboradora do grupo de investigación ES2 da Facultade de Belas Artes. Foi precisamente a súa coordinadora, a catedrática Yolanda Herranz, á que deu nome a unha exposición impulsada por Antón Castro e Antón Sobral co propósito de pór de relevo que “tanto na arte como en calquera outra disciplina, non se pode excluír a metade da poboación”, como lembra a súa comisaria. Garrido asumía en 1998 o comisariado desta mostra colectiva, avogando por unha “aposta firme pola arte emerxente”. Coordinada neste 2026 por Abril Iglesias e promovida coa colaboración do Concello de Marín, trátase dunha exposición que busca afondar en “aspectos directamente vinculados cos intereses das artistas mulleres, como son as cuestións de igualdade e xénero”.

Visibilidade ás novas artistas

Cuestións como o xénero, a sexualidade, o corpo ou os coidados fanse presentes nunha mostra na que as obras son seleccionadas nunha convocatoria pública á que concorren con frecuencia un bo número de estudantes de Belas Artes. Isto, subliña Garrido, converte Voilà la Femme “nun evento a través do que se consegue dar visibilidade a un gran número de artistas novas”. Así, entre as protagonistas desta edición atópanse estudantes do Máster en Creación Artística Contemporánea como Jimena Arenas, cuxa liña de investigación estrutúrase nunha “sensibilidade posnaturalista”; María Paulina Petz, quen busca “definir o mundo ao seu redor a través do filtro da abstracción”, ou Mencía González, quen inspira a súa obra na arte relixiosa e na fantasía. Tamén alumna deste mestrado, Sara González conecta nas súas obras familia, memoria e agricultura, mentres que Martina Migliarini busca plasmar “a súa propia psique” nunha obra de “carácter simbolista”, sinalan as responsables da exposición. Rolina Ferru, pola súa banda, achega unha peza resultado da súa investigación sobre o “camiño do inconsciente”, mentres que estudante de doutoramento Alejandra Pardo presenta unhas fotografías nocturnas coas que trata de “captar esa vulnerabilidade que se sente na escuridade ao ser percibida como muller na rúa”.

Estudante do Grao en Belas Artes, Laura Paz suma a esta exposición unha serie “que percorre o corpo como se fose un arquivo”, mentres que a tamén alumna desta titulación Carlota Montes achega o seu traballo no eido do retrato e Mariña Rey explora a través da ilustración “o poder narrativo das imaxes”. Alba Pino Gregores e Taro propoñen unha acción centrada na idea da colaboración, mentres que Aldara Rodríguez emprega o fogar como base para unha reflexión “sobre o íntimo e os afectos”. Ás súas propostas súmanse as obras de artistas tamén formadas en Belas Artes como Susana Beatriz de Castro, quen aborda o fogar “como un lugar ambivalente de crecemento e recollemento”, e complétase coas proposta de Yanina Sgro e Xoana Penas, así como coa abordaxe sobre a identidade, o xénero e a sexualidade de Ise Rodríguez.