DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron o terceiro posto na categoría de vídeos de YouTube

Alumnas de Educación Social, premiadas no programa estatal de prevención de adiccións Tu Punto

Na súa peza lanzan unha reflexión sobre os bos e malos hábitos e a liberdade das persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 20/05/2026

Cada curso académico, alumnado da materia Intervención Socioeducativas nas Condutas Aditivas, que imparten os profesores Manuel Isorna e Juan Villalón Amorín en cuarto curso do grao de Educación Social do campus de Ourense, participa no certame estatal de prevención de adiccións Tu Punto de Mira. Na edición deste ano, as estudantes da Universidad de Vigo Laura Gómez, Aida González, Mirian López, Brenda Martínez e Clara Miranda Dios acadaron o terceiro premio na categoría de vídeos de YouTube coa súa peza audiovisual Fragmentos de lo cotidiano.

O concurso forma parte do programa Tu Punto, da asociación PDS-Promoción y Desarrollo Social, financiado pola Delegación del Gobierno para el Plan Nacional sobre Drogas (Ministerio de Sanidad) e conta coa colaboración da Red Española de Universidades Promotoras de Salud, na que está a Universidade de Vigo. A iniciativa está orientada a informar e sensibilizar sobre os riscos asociados ao consumo de drogas e outras adiccións comportamentais, promover hábitos de vida saudables e favorecer procesos de reflexión crítica sobre diferentes conductas aditivas.

O vídeo recoñecido polo xurado, explica Manuel Isorna, “destaca pola súa creatividade, capacidade de concienciación e calidade da mensaxe preventiva, contribuíndo a fomentar hábitos saudables e unha reflexión crítica sobre os riscos asociados ás adiccións”. Na peza contrapóñense visualmente os bos e malos hábitos de dúas estudantes (en alimentación, consumo de alcol, uso de móbil e tecnoloxía, sono, relacións sociais, etc.) ao longo dun día para rematar lanzando ao público espectador a pregunta “cal destas vidas che parece máis libre? 

O traballo premiado, engade Manuel Isorna, “forma parte dunha iniciativa educativa orientada a promover a sensibilización e a prevención das condutas aditivas entre a poboación nova mediante estratexias de comunicación dixital e participación activa do alumnado universitario”. Por este motivo e a vista dos resultados acadados, desde a Facultade de Educación e Traballo Social queren pór “en valor o compromiso, a implicación e o traballo desenvolvido polas estudantes participantes, así como a importancia de impulsar proxectos de prevención socioeducativa no ámbito universitario”. A entrega oficial dos premios celebrarase o vindeiro 27 de maio, en horario de 10.00 a 12.00 horas, en formato virtual, nun acto institucional organizado polo programa Tu Punto dende a sede do Plan Nacional Sobre Drogas. O equipo da UVigo gañador recibirá 800 euros.