DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadou xunto a Sabela Santiso o podio na categoría júnior de parellas de danza

O alumno Brais Cano, ouro na Copa de Europa de Patinaxe Artística

Está a cursar primeiro do Grao en Enxeñaría Aeroespacial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 14/10/2022

Brais Cano, estudante de primeiro curso do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, vén de acadar, xunto á súa compañeira de patinaxe Sabela Santiso, o ouro na categoría júnior de danza por parellas na Copa de Europa de Patinaxe Artística.

A competición, chamada Copa de Europa de Danza, celebrouse do 3 ao 8 de outubro en Bergen Op Zoom (Países Baixos) e, tal e como indica o estudante do campus, é a “Europa League de patinaxe artística”, a competición que está xusto debaixo do Campionato de Europa. “Non podo estar máis contento de ter acadado este logro, e máis se cabe nesta tempada, máis dura do habitual pola presión de render ben en segundo de Bacharelato. Penso que é unha recompensa a todos estes anos de traballo xunto á miña compañeira Sabela, e un orgullo por ver como melloramos”, comenta o galardoado.

O alumno da UVigo explica que para esta competición “fomos convocados pola Federación Española de Patinaxe polos resultados obtidos no campionato de España: terceiros na modalidade de parellas de danza e eu cuarto clasificado na de solo danza”. Esta foi, detalla, “a primeira edición da Copa de Europa na que se incluíron as categorías júnior (a nosa) e sénior, e non puido ter mellor final que o que tivo: en parellas de danza, xunto á miña compañeira Sabela Santiso, obtivemos a primeira posición despois de dous programas sen erros, subindo así ao caixón máis alto do podio por diante dunha parella italiana e outra inglesa”. Na modalidade de solo danza (competición individual), Brais Cano indica que “o obxectivo marcado non era ningunha posición en concreto, senón tratar de facer os mellores discos posibles dentro das posibilidades”. Aínda que con algún erro leve no programa libre (o segundo e último), sinala, “penso que o obxectivo foi cumprido, acadando puntuacións técnicas mellores das esperadas e rematando a competición na sexta posición”.

Experiencia e compatibilidade

Brais Cano lembra que comezou a patinar “por culpa (ou grazas) a miña irmá, quen, tras patinar no colexio, se apuntou ao club que había en Bergondo”. Tras un parón de case un ano, en 2015, detalla o estudante da UVigo, volveu a patinar, comezando así no seu club actual, o Club Patinaxe Alquimia de Carral, club onde ademais de parellas e solo, tamén practica a modalidade de grupos show. “O que máis me gusta deste deporte é a posibilidade de combinar o apartado técnico de xiros, empuxes, etc., coa compoñente artística da xesticulación, a montaxe de brazos... Así, mentres realizas o teu disco introdúceste no personaxe ou historia que contas, esquecéndote do resto de cousas”, subliña o deportista.

A participación na Copa de Europa celebrada este mes, comenta o estudante, foi a súa primeira competición oficial convocado pola selección española, máis xa conta con bastante experiencia no ámbito estatal. “Na miña carreira deportiva acadei cinco podios en campionatos de España tanto en parellas como en solo, destacando o terceiro posto no nacional de parellas de 2019 (o noso primeiro podio estatal) na categoría cadete e o subcampionato en 2020 na categoría xuvenil de solo danza. Ademais, levo conseguidos de maneira consecutiva cinco campionatos galegos en solo danza e tres en parellas de danza”, resume sobre a súa traxectoria.

Sobre como compatibilizar práctica deportiva e estudos, Brais Cano sinala que “ao facer deporte desde pequeno (antes ademais de patinaxe facía tamén fútbol sala) nunca tiven grandes problemas para xestionar os meus horarios de estudo”. Despois de conseguir entrar nunha das titulacións coa nota de acceso máis altas de Galicia, o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, actualmente, engade, esta compatibilización “tampouco é unha excepción, porque pese a non adestrar sobre os patíns mentres estou en Ourense (volvo a Bergondo os fins de semana), adestro a miña condición física todos os días, polo que máis ou menos os meus horarios desde que comecei a carreira son os mesmos que levaba durante os anos anteriores nos que si adestraba na pista durante a semana”.