DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Pérez Portela foi un dos seleccionados para a European Student Assembly 

Un alumno do campus participará no Parlamento Europeo nun debate sobre os desafíos da UE 

Foron escollidos preto de 250 alumnos e alumnas, de entre máis de 3000 solicitudes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/04/2026

Entre o 20 e 22 de abril, preto de 250 estudantes universitarios de diferentes países reuniranse no Parlamento Europeo para debater sobre algúns dos desafíos que afronta á UE na actualidade en ámbitos como a participación cidadá, a educación, a mobilidade, o cambio demográfico ou a ciberseguridade. Entre eles, atoparase o alumno da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Alberto Pérez Portela, un dos seleccionados e seleccionadas de entre as máis de 3000 solicitudes recibidas polos organizadores dunha iniciativa inserida no proxecto Erasmus+ EUC Voices, dirixido a fomentar a participación da mocidade nos procesos de toma de decisión comunitarios. 

A European Student Assembly, que celebra este mes a súa quinta edición, constitúe a principal iniciativa dun proxecto promovido por universidades de sete países e ao que poden optar estudantes de institucións académicas que formen parte dunha alianza de European Universities, como é o caso da UVigo, socia de ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance). As e aos seleccionados toman parte nun dos oito paneis nos que se estrutura un foro que dará como resultado un conxunto de recomendacións, que se compilarán nun manual que resume os resultados desta asemblea.

“Sen dúbida é un logro importante estar presente no Parlamento Europeo de Estrasburgo como embaixador da miña comunidade”, recoñece Pérez Portela, que cursa na actualidade o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, tras completar o doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable. “Para min é unha honra. Realmente non esperaba ter unha oportunidade como esta tan pronto”, engade este estudante do campus pontevedrés, que destaca o interesante dunha iniciativa orientada “á construción de procesos democráticos e solucións para os problemas que están a enfrontar as institucións europeas”.

Educar sen fronteiras

“Esfórzome por ter unha mente aberta a todo tipo de proxectos que poidan nutrirme como profesional”, sinala Pérez, quen en 2024 defendía a súa tese Análisis longitudinal de la lógica del breaking mediante parámetros temporales y secuenciales, realizada no doutoramento do Campus Crea baixo a dirección dos investigadores do grupo iObserving Iván Prieto e Alfonso Gutiérrez. Previamente, realizara tamén na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte tanto o Grao en Educación Primaria como o Máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde. Nese senso, a traxectoria académica era un dos criterios empregados, xunto co interese das e dos aspirantes pola política, a cultura e a sociedade europeas, polos responsables de seleccionar ás e os integrantes dos oito paneis nos que se estrutura a asemblea.

Pérez Portela participará no panel titulado Educar sen fronteiras, no que buscarán dar resposta á pregunta de como pode a UE apoiar ás universidades no fomento da interdisciplinariedade. Nesta área, Pérez Portela compartirá debate cun “equipo fantástico”, recoñece tras participar nas últimas semanas en actividades formativas e reunións virtuais “nas que detallamos, pouco a pouco, o esquema de recomendacións que presentaremos en Estrasburgo”. 

Coordinados á súa vez por dous estudantes, cada un dos oito equipos centrarase na área temática para a que foron seleccionados, para logo “intercambiar información co resto de grupos e figuras políticas presentes”. Nese senso, o conxunto de participantes deberán tamén debater e votar as recomendacións xurdidas desta serie de paneis, que abranguen tamén temáticas como o fortalecemento da democracia e da participación cidadá, a economía circular, os sistemas de transporte públicos inclusivos, a alfabetización dixital e a ciberseguridade, a solidariedade xeracional ou a autonomía estratéxica da UE. “Teño moitísima ilusión e motívame especialmente o feito de que confíen no meu potencial”, engade este estudante da UVigo, quen o pasado ano xa tivera a oportunidade de participar en Bruxelas nun evento promovido polo Instituto Europeo de Igualdade en Xénero.