DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O argumento xira ao redor do asasinato de tres pirómanos

O alumno sénior Ramón Fernández presenta a súa segunda novela, titulada 'Quemados'

Forma parte dunha triloxía protagonizada polo inspector xefe de policía Alfonso Piñeiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Ourense 26/01/2022

Baixo o título Quemados, Ramón Fernández, alumno do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense, presentou este mércores a súa segunda novela. Nela, o protagonista, o inspector xefe de policía dunha comisaría de Ourense chamado Alfonso Piñeiro, afronta a investigación do misterioso asasinato de tres pirómanos. A obra forma parte dunha triloxía de ficción que o escritor comezou coa publicación de En el agua de las fuentes a finais de 2019.

Na presentación do libro, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou da novela que recolle “unha gran preocupación polo medio ambiente e pola dignidade humana” e agradeceu ao seu autor o seu compromiso co campus de Ourense e co Programa Universitario de Maiores (PUM). A responsable académica destacou o feito de que se a primeira novela de Ramón Fernández falaba da auga (elemento que centra o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga) esta segunda está protagonizada polo lume, “unha das grandes pragas deste século”.

Pola súa banda, Alberto Vaquero, coordinador do PUM en Ourense, fixo un perfil do autor do libro subliñando que é “polifacético, activo, dinámico e amante da cidade de Ourense”. Ramón Fernández, indicou, “é un exemplo claro do tipo de persoas que temos no Programa de Maiores, persoas moi activas, dinámicas e entregadas”. Igualmente Alberto Vaquero apuntou como este alumno “é un exemplo” do moito que se pode facer unha vez se xubila unha persoa.  

Unha historia de ficción e unha denuncia real

Ramón Fernández, nado en Ourense en 1951, é alumno desde 2015 do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense, tras xubilarse despois dunha vida dedicada ao sector da construción. Segundo explicou o escritor na presentación celebrada este mércores, Quemados, publicada pola editorial Avant, dá continuidade á triloxía iniciada coa publicación de En el agua de las fuentes. Desta vez, sinalou, o inspector xefe de policía Alfonso Piñeiro e os seus compañeiros de comisaría terán que enfrontarse a tres asasinatos “brutais” de persoas que teñen en común ter sido condenadas xudicialmente por provocar incendios. A estes elementos, engádese na historia a implicación dunha seita. Son en total, indicou o autor, 525 páxinas dun libro que comezou a escribir o 23 de outubro de 2019 e ao que se dedicou con intensidade durante dous anos. Satisfeito co resultado, Fernández amosou o seu desexo de que a novela “funcione” e de que o público guste da historia que se lle propón. Para el, dixo, escribir é “unha paixón, unha liberación coa que se me vai o tempo de marabilla”.

Alén de contar unha historia de ficción, comentou Ramón Fernández, nas súas novelas “aproveito para facer denuncia, neste caso de algo que nos trae de cabeza en Ourense cada verán, como son os incendios”. Así, lembrou, “empecei este libro porque un día, cando empezaron aqueles famosos incendios de 2017 que asolaron toda Galicia, fun facer fotos para unha asociación na que estaba e cando vin aquelo véuseme a alma aos pés”. Como amante dos montes e do medio ambiente, comentou, cando viu como estaba o monte totalmente queimado “pensei que podería converterme nun salvaxe se collese ao pirómano” que causara aquelo. En todo caso, o alumno do PUM expresou a súa convicción de que “sempre culpamos aos incendiarios ou pirómanos pero non son eles os verdadeiros culpables dos lumes, son outros intereses que hai na sociedade”. De acordo con este compromiso co medio ambiente, o autor do libro quixo durante a presentación chamar a atención sobre os danos que causa o lume, non só na vexetación senón tamén na vida animal, nos solos e mesmo nas persoas.