DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha iniciativa dos alumnos de cuarto de Publicidade e Relacións Públicas

Alumnos de Ciencias Sociais aprenden o labor de realización da man de Jairo Iglesias

A clase maxistral rematou coa proxección da curtametraxe “Rosa dos Ventos”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 26/03/2008

Os alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación puideron escoitar unha clase maxistral da man do realizador compostelán Jairo Iglesias, quen explicou aos futuros profesionais cal é a situación que vive o audiovisual galego e os principais pasos no proceso de realización dunha curtametraxe.
Esta iniciativa xurdiu dos alumnos de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas que, estando algúns deles xa inmersos no ámbito laboral, ven unha boa oportunidade de achegar aos seus compañeiros a realidade coa que se enfrontan cada día. Como apoio á charla, proxectouse a obra Rosa dos Ventos, unha das candidatas aos premios Mestre Mateo que se celebrarán o próximo mes de abril. Para rematar a xornada, o cada vez máis coñecido Jairo Iglesias, respondeu ás preguntas que fixeron os estudantes acerca dos aspectos que rodean ao eido da produción audiovisual como o tema dos custes, os patrocinios, os castings, etc

"Rosa dos Ventos"

Rosa dos Ventos é unha curtametraxe que conta cun gran reparto encabezado por Belén Constenla e que completa Miguel Borines, Fernando Morán e María Castro. No filme contase unha historia de amor, soidade e recordos a través dunha viaxe pola Costa da Morte. Cunha fotografía moi coidada e unha música coma nos anteriores traballos de Iglesias, transmítese o espírito galego da costa como elemento vital das persoas que viven o seu carón. Rosa, a protagonista da curta, perde ao seu marido no mar e busca consolo nos recordos, aínda que non son suficientes ata a chegada de Sara ao seu pobo, quen a axudará a buscar apoio na lembranza do seu home.