DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No remate do I Seminario de Práctica Xudicial

Alumnos de Dereito reciben un diploma que acredita a súa experiencia práctica nos xulgados de Ourense

A facultade dá un impulso ao achegamento entre alumnos e maquinaria xudicial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 27/05/2008
Os 50 alumnos da Facultade de Dereito que participaron no I Seminario de Práctica Xudicial recolleron o diploma que acredita a súa asistencia a xuízos, comparecencias e outras actividades propias do funcionamento da administración de xustiza. Así, co coñecemento adquirido ao longo de todo o curso acerca de como se resolven casos prácticos na vida real, os alumnos completaron a súa formación teórica coa colaboración de xuíces, fiscais e tamén secretarios xudiciais.
Todos os inscritos no seminario foron recibindo información periódica das diferentes actividades xudiciais de interese que tiñan lugar no Palacio da Xustiza de Ourense para que eles mesmos puideran asistir o que máis lles interesaba.
Nun primeiro momento os estudantes estiveron titorizados dende a facultade “pero despois deixámolos ao seu libre albedrío para que aprenderan a moverse polas dependencias xudiciais, que era un dos obxectivos” explicou Iago Fariñas, vicedecano de Estudantes e Actividades Académicas e director do seminario. Os estudantes acudiron aos xuízos como asistentes pero nas ocasións máis relevantes, recibiron as explicacións dos maxistrados sobre “como foi o proceso xudicial e sempre tiveron a todo o persoal á súa disposición para responder ás súas dúbidas e axudalos no que demandaran”, engadiu Fariñas.
Con esta oportunidade para realizar unha achega á actividade real dos xulgados de Ourense, ademais de coñecer por dentro o mundo xudicial, os alumnos tiveron o recoñecemento académico de dous créditos de libre elección por un mínimo de 30 horas asistidas e “puideron facer contactos nese mundo e coñecer cada papel para decidir o seu futuro profesional” comentou o director do seminario. Nesta liña, os alumnos dos últimos cursos tiveron unha axuda “á hora de seguir un camiño determinado pero os dos primeiros, máis densos, recibiron un estímulo e unha motivación para rematar a carreira” apuntou.

A importancia dunha iniciativa pioneira

Inés Iglesias, decana da Facultade de Dereito explicou que “a iniciativa foi unha idea do vicedecano de Estudantes e Actividades Académicas, Iago Fariñas” ao que agradeceu o seu traballo pois foi o que levou “todo o peso da organización” dixo. Ademais tamén tivo palabras de agradecemento para “todas as persoas que traballan nas dependencias xudiciais, que fixeron posible que realizaramos o seminario e que resultara un éxito”.
Pola súa banda, Antonio Piña, xuíz decano de Ourense sinalou a importancia de que os estudantes “viñeran, colaboraran e coñeceran cada un dos papeis que forman parte da maquinaria xudicial para poder elixir o que queren desempeñar nun futuro”, dixo. “Dende o Palacio da Xustiza apoiamos calquera iniciativa da Universidade de Vigo e, en especial da Facultade de Dereito, que ten un gran nivel” engadiu. En canto a Josefina Díaz, secretaria xudicial do Xulgado de Instrucción nº 2 resaltou que a iniciativa “é pioneira en Galicia”, ao igual que José Luis Roig, secretario xudicial do Xulgado do Social nº3 que explicou que “saquei a carreira sen ver nin un preito e iso non pode ser, polo que é importante apoiar este tipo de actividades e que ano tras ano melloremos a súa operatividade”.
En vista do éxito, a intención é seguir celebrando o seminario ano tras ano e introducindo as melloras que os alumnos suxerirán na enquisa de avaliación da experiencia. Ademais está previsto incluír conferencias e facilitarlle aos alumnos as sentencias dos xuízos para que teñan os resultados do visto.