DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o vindeiro 14 de abril

Alumnos Erasmus de Belas Artes amosan os seus traballos na exposición “A lo mejor”

Os artistas proceden da Universidade de Kingston Upon Thames, no sur de Londres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 08/04/2008

Aínda que estamos afeitos a que os novos artistas formados na Facultade de Belas Artes amosen as súas obras non é tan común que eses creadores sexan todos estranxeiros. Isto é o que sucede na exposición A lo mejor, na que seis alumnos Erasmus procedentes de Reino Unido amosan os traballos feitos ao longo da súa estancia en Pontevedra. Os autores das obras veñen da Universidade de Kingston Upon Thames, no sur de Londres e levan tres meses estudando no centro pontevedrés.
A coordinadora do programa Erasmus da Facultade de Belas Artes e profesora de Extensión e Repercusión das Linguaxes Artísticas, Silvia García, explicou que “a iniciativa forma parte da formación dos estudantes, xa que non chega con que fagan un proxecto senón que cómpre que saiban cal é a mellor forma de amosalo aos demais”.
En moitas ocasións, os artistas teñen que modificar as súas obras ou polo menos preparar o lugar onde as van a amosar, xa que en función do que queiran transmitir necesitarán un tipo de localización diferente, pode ser unha cor de parede determinada, un mínimo espazo, etc. Isto é precisamente co que se enfrontaron os alumnos ingleses que durante varios días prepararon a mostra para ser vista polo público. Segundo comentou a súa profesora, Silvia García, “a idea é que os rapaces teñan un achegamento ao mundo profesional e que vexan os problemas técnicos dunha sala e como os poden solucionar”.

Os artistas

Chloe Edwards,Tom Nowell, Jessica Charleston, Peter Georgallou, Yukari Yoshi e Ana Sekulic son os seis protagonistas da mostra que se pode visitar ata o vindeiro luns, 14 de abril, na sala de exposicións da Escola de Restauración (na entrada da Facultade de Belas Artes). Unha ampla variedade de obras conforman á exposición, integrada por fotografías, esculturas, pinturas e instalacións.

Máis iniciativas dos estudantes

Ao marxe da mostra A lo mejor, os alumnos de terceiro curso de Belas Artes, da materia de Pintura, amosaron por un día os seus traballos de clase na Praza da Verdura do Casco Vello da cidade. Como unha iniciativa espontánea destes estudantes, as obras que decoraron as rúas do centro de Pontevedra están baseadas en fotogramas de televisión e todas elas son de gran formato.