DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición “Dispositivo de Intercambio”

Alumnos Erasmus de Belas Artes presentan as súas obras no Centro Sociocultural da Trisca en Santiago de Compostela

Ata o vindeiro 30 de abril no Centro Sociocultural da Trisca

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 23/04/2008

Baixo o título Dispositivo de Intercambio, oito alumnos Erasmus da Facultade de Belas Artes, procedentes de diversos países de Europa, amosan no Centro Sociocultural da Trisca en Santiago de Compostela os traballos feitos ao longo da súa estancia en Pontevedra. Con esta exposición, enmarcada no contexto da práctica dunha materia de quinto curso, preténdese achegar a realidade do mundo profesional aos estudantes, xa que nela teñen que organizar en grupo unha mostra na que se responsabilizan da xestión e e que isto conleva: presentación do proxecto, transporte, montaxe e, por suposto, a súa comunicación. A coordinadora do programa Erasmus da Facultade e profesora de Extensión e repercusión das linguaxes artísticas, Silvia García, explicou que “a iniciativa forma parte da formación dos rapaces, xa que non chega con que fagan un traballo senón que é necesario que saiban cal é a mellor forma de amosalo aos demais”.
Respecto ao título da mostra, Silvia García explicou que “alude á idea de que as bolsas Erasmus funcionan como dispositivo de intercambio cultural ao mesmo tempo que podaríamos pensar que o edificio do Centro Sociocultural da Trisca, cunha arquitectura tan especial, actúa coma unha auténtica vía de coñecemento do barrio”, comentou a coordinadora.

Os artistas

Andrei Bosneaga, Ana Maria David, Alexandru Cristian Munteanu, David Deshormeaux, Thomas Dufour, Louise Lavaud, Katariina Vesterinen e Guiomar Díaz Sanz son os oito protagonistas da mostra que se pode visitar ata o vindeiro 30 de abril no Centro Sociocultural da Trisca en Santiago de Compostela. Todos eles proceden de Rumanía, Francia e Finlandia, ademais dunha rapaza que vén da Facultade de Belas Artes de Cuenca e estuda en Pontevedra mediante unha bolsa Séneca. Unha ampla variedade de obras dan forma á exposición, composta por fotografías, esculturas, pinturas e instalacións.