DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo dos XXII Xogos Galaico- Durienses

Alumnos de primaria xogan unha partida simultánea de xadrez contra o mestre internacional Roi Reinaldo

Na E. U. de Enxeñería Técnica Forestal do campus de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 21/11/2007

A Sección de Xadrez da Universidade de Vigo, con motivo dos XXII Xogos Galaico-Durienses e no marco da Campaña de Promoción do Deporte en Idade Escolar, organizou unha exhibición para os alumnos de sexto de primaria do CEP A Xunqueira de Pontevedra.
Máis de 60 rapaces de entre once e doce anos visitaron as instalacións da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para seguir en directo a competición de xadrez que se estaba a celebrar no marco dos XXII Xogos Galaico-Durienses. Seguidamente se dirixiron á Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal onde participaron nunha exhibición de partidas simultáneas na que xogaron contra o mestre internacional e actual número 1 galego, Roi Reinaldo, e co mestre internacional e capitán do Universidade de Vigo de Xadrez, Pablo García. “O que intentamos é achegar o xadrez aos máis pequenos xa que non só o consideramos un deporte, senón que o vemos coma unha ferramenta pedagóxica moi útil nos seus estudos”, comentou Pablo García.
Todas as partidas destes Xogos Galaico-Durienses se poderán seguir en directo e desde calquera parte do mundo na web oficial da Sección de Xadrez da Universidade www.webs.uvigo.es/xadrez.

Ademais nos Xogos...

Dentro das actividades desta segunda xornada dos xogos, celebrouse a proba de iniciación ás carreiras de orientación que se celebrou ao longo da mañá nos arredores do lago Castiñeiras (Marín – Vilaboa) co obxectivo de dar a coñecer o deporte de orientación dentro da comunidade universitaria. Ao desenrolarse nun entorno natural, esta modalidade fomenta o respecto pola natureza e a idea do deporte como unha linguaxe universal que contribúe á integración das persoas sen importar a súa condición social, idade ou sexo. Os equipos participantes estaban formados por dous corredores masculinos e dúas femininas, establecéndose dúas clasificacións, unha individual e unha por universidades.

Ademais, ao longo de todo o día, dispútanse os torneos correspondentes ás modalidades de baloncesto, voleibol, fútbol sala, tenis de mesa e duatlón-cross. Os resultados das competicións poden verse na páxina web do Servizo de Deportes da Universidade www.deportes.uvigo.es