DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xoves 10 de xaneiro na Casa das Campás

Alumnos e profesionais analizarán o novo Plan Xeral Contable que afecta a todas as empresas españolas

Da man do economista e profesor Francisco López Corrales

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 08/01/2008

Con motivo da entrada en vigor do novo Plan Xeral Contable (PGC 2008), a sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra acollerá unha conferencia sobre contabilidade que pretende analizar os aspectos máis relevantes que incorpora o PGC 2008, aprobado o pasado 16 de novembro no Consello de Ministros. Co comezo do ano todas as empresas teñen que axustar as súas contas con esta nova ferramenta que servirá para incrementar a transparencia da economía das compañías españolas.
Da man do experto na materia Francisco López Corrales explicaranse as principais diferenzas entre o antigo e o novo plan, facendo fincapé no marco conceptual, as normas de rexistro e valoración, as contas anuais, o cadro de contas e as definicións e relacións contables. Este economista e profesor de Xestión e Administración Pública, asegura que “para as empresas é un cambio importante xa que terán que adaptar os seus balances ao novo plan do 2008, tendo como principal consecuencia unha serie de custes ao ter que mudar os programas informáticos e formar ao persoal nesta materia”.
Organizada pola vicerreitoría do campus, esta conferencia terá lugar o vindeiro 10 de xaneiro ás 20.00 horas na Casa das Campás, onde se darán cita tanto os alumnos como todos aqueles profesionais interesados en coñecer un pouco máis afondo esta nova ferramenta contable e en resolver todas as dúbidas que teñan para a súa implantación.

O novo plan de contabilidade

Desde o ano 2005 as contas anuais que elaboran as sociedades que teñen valores admitidos á negociación nun mercado regulado, formulábanse coas normas internacionais de contabilidade adoptadas pola Unión Europea, mentres que o resto das empresas aplicaba a normativa española. O obxectivo desta reforma contable é evitar a dualidade existente e acadar unha lectura homoxénea dos estados financeiros das compañías do noso país. A reforma levouse a cabo de xeito que os cambios na lexislación mercantil non teñan un custe fiscal nas empresas e, para iso, realizáronse as modificacións pertinentes no Imposto sobre Sociedades.