Nun taller promovido pola Vicerreitoría do campus xunto co festival
Álvaro Gago guiará o alumnado na creación das curtas que estrearán en Novos Cinemas
Os traballos partirán dunha reflexión sobre a contorna máis próxima
Egresado da Facultade de Comunicación, o cineasta Álvaro Gago retornará ao campus pontevedrés nas próximas semanas para titorizar dez estudantes e egresados e egresadas na realización das curtametraxes que presentarán na primeira xornada do festival Novos Cinemas. Promovido pola Vicerreitoría do campus e o festival, ata o 1 de outubro permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar no taller Cine rachado e consciente na praza do teu pobo, no que o director de Matria levará o estudantado a “repensar a contorna que nos rodea co fin de abrir novas posibilidades”, segundo sinalan desde a organización.
Dando continuidade a unha iniciativa que en cursos previos permitiu ao alumnado do campus traballar con directores como Oliver Laxe ou Jaione Camborda, trátase dun taller articulado en catro sesións, que dará como resultado final as curtas coas que as seleccionadas e seleccionados estrearán en decembro, no marco da programación da novena edición de Novos Cinemas. Nesta ocasión, farano cos resultados dun obradoiro que levaraos a buscar “no cotiá e no aparentemente xa coñecido e transitado” o material para as súas curtas. Como recolle o texto de presentación deste taller, o obxectivo desta actividade é en primeiro termo achegarse a aqueles filmes que amosan “unha maneira singular de estar e relacionarse co mundo”, para logo “traer á superficie esas olladas propias e reveladoras” dos seleccionados e seleccionadas.
De guialos e asesoralos nun obradoiro articulado en catro sesións, que se desenvolverán nos meses de outubro e novembro, encargarase un director que tras titularse en Comunicación Audiovisual pola UVigo ampliou a súa formación na Noth Park University de Chicago e na London Film School. En 2017, Gago presentaba a curta Matria, xerme da que sería logo a súa primeira longametraxe e que foi tamén un traballo co que acabou máis de 70 galardóns, entre os que se atopa o premio do xurado no festival de Sundance. A súa seguinte curta, 16 de decembro, presentaríase no festival de Locarno e sería nomeada os Goya, premios aos que sería novamente candidato o pasado ano pola longametraxe Matria, estreada na Berlinale. Actualmente, Álvaro Gago forma parte do equipo docente do FilmLab Lac6, Conecta Lab e La Residencia Navarra e atópase traballando na súa segunda película, Porto Alegre.
Inscricións abertas
Aberto á participación do alumnado das diferentes titulacións de grao, máster e doutoramento que se imparten no campus de Pontevedra e daqueles e daquelas que as completaron no curso 2023/2024, o prazo de presentación de candidaturas para participar neste taller permanece aberto ata o 1 de outubro ás 12.00 horas.