DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu un acto de recordo aos membros da comunidade universitaria falecidos

Unha ameixeira en lembranza de Xabier Sánchez Soto

A iniciativa serviu para recordar a figura do que fora conserxe de CC da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/04/2022

O acto de lembranza que o persoal do campus dedica cada ano aos membros da comunidade universitaria falecidos que desde hai preto dunha década viña celebrándose na Escola de Enxeñaría Forestal trasladouse neste 2022 ao exterior da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Fíxoo para lembrar a figura do que fora conserxe desta facultade Francisco Xabier Sánchez Soto, falecido en xullo de 2020, ao que homenaxearon coas súas verbas o vicerreitor do campus, Jorge Soto, o decano, Óscar García, o membro do persoal de administración e servizos Horacio Villar e o profesor xubilado Antón Fernández. Todos eles tomaron a palabra a carón dunha ameixeira que nesta xornada se plantaba ao carón da facultade e xunto á que se descubriu unha placa na súa memoria.

“Este é un momento de lembranza a todos aqueles que xa non están con nós”, sinalou Soto na apertura dun acto que nesta ocasión, engadiu, “quixemos centralizar na figura de Xabier Sánchez Soto”, do que destacou “a súa honestidade e capacidade para xuntar moitas simpatías”. “Sinxelamente, Xabier era un dos nosos”, engadiu o decano, que lembrou “o sorriso e bo trato” que sempre lles ofrecía o seu compañeiro. Tras a interpretación dunha peza á gaita por parte do tamén membro do PAS do campus Luis Torres, o acto albergou a lectura dun poema que Horacio Villar escribiu a raíz do pasamento de Sánchez Soto e que titulou Pagou a pena. A continuación, o que fora profesor da facultade Antón Fernández lembrou a figura “do noso bo compañeiro e amigo”, pondo de relevo que se ben “as persoas imos pasando e as institucións seguen aí de pé, non é menos certo que as institucións non son outra cousa que o resultado das xentes que a compoñen”, das persoas, como Sánchez Soto “que ao longo da súa historia foron quen de ilas adubando co seu bo facer”. 

Finalmente, dúas das que foran as súas compañeiras pecharon descubrindo unha placa na súa memoria, un acto que cada curso se enmarca nunha xuntanza de confraternidade promovida polo persoal da EE Forestal e que se completou cun xantar no exterior desta escola.