DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patricia Iglesias, responsable de voluntariado, ofreceu un coloquio en CC da Educación e do Deporte

Amigos da Terra alerta no campus do "alto impacto" da gandería industrial no medio ambiente

A facultade acolle tamén unha exposición informativa da campaña ‘Menos carne, mellor carne’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/03/2019

Dentro da produción de alimentos, “a gandería industrial e, por tanto, o consumo de carne, é o sector que xera maiores impactos no medio ambiente e na nosa saúde”, salienta a asociación ecoloxista Amigos da Terra na súa campaña Menos carne, mellor carne, que este luns foi abordada pola súa responsable de voluntariado, Patricia Iglesias, nun coloquio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que esta semana acolle tamén unha exposición de paneis informativos sobre esta campaña, dirixida, explica Iglesias, “a reflexionar sobre o que hai detrás da carne que comemos”. Nestes paneis afóndase nos efectos da gandería industrial sobre a explotación de acuíferos, xa que “para producir un quilo de carne de vacúns necesitamos 15.000 litros de auga”; na destrución de emprego do medio rural, exemplificada en que en España “desapareceron 128.000 granxas familiares entre 1999 e 2013, un 71% do total"; sobre a contaminación de auga e chan; e nos problemas para a saúde, posto que, recolle a campaña, “en España úsanse catro veces máis antibióticos que en Alemaña e dez veces máis que en Dinamarca para a produción dun quilo de carne”. 

“Normalmente cando pensamos en gandería, a xente soe ter unha imaxe bastante idílica, dun prado con vacas, que se distancia bastante da realidade, xa que na maioría dos casos, ao mellor estamos falando dun 90%, falamos de granxas nas que están os animais apiñados e onde nunca ven a luz do sol”, salientou Iglesias nun coloquio que tiña por obxecto abordar, a partires dun caso concreto, o consumo responsable e que se enmarca nas actividades promovidas pola profesora Mercedes Varela, co apoio da facultade e da Vicerreitoría do campus, no marco da materia Educación ambiental para o desenvolvemento. “A produción de carne ten un alto impacto no medio ambiente e na nosa saúde”, subliñou a representante de Amigos da Terra, quen nese senso incidiu en que un dos obxectivos da campaña que centrou a súa intervención é promover unha reflexión sobre os impactos da gandería industrial, tanto ambientais e de saúde como socioeconómicos, xa que as “macrogranxas destrúen moitas granxas familiares, polo que están destruíndo tamén a fixación de poboación no rural con todo o que iso implica”. Así mesmo, Iglesias tamén puxo o foco no  feito de que “comemos moitísima máis carne da que deberíamos”, xa que, explicou, desde a década de 1960 “practicamente se multiplicou por catro a carne que se consume en España, xa que antes era case un ben de luxo e agora é máis accesible”. 

Responsable do 14% das emisións de gases de efecto invernadoiro

Nos paneis que ao longo desta semana poden verse na planta baixa da facultade infórmase tamén de que a gandería industrial é responsable do 14% das emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel mundial, “igual que as producidas polo transporte”. Do mesmo xeito, tamén se alerta dos seus efectos na deforestación, que Amigos da Terra exemplifica incidindo en que esta actividade “é responsable do 70% da deforestación do Amazonas”, así como no “acaparamento de terras”, aspecto respecto do que aluden a que preto de 9000 familias “son desprazadas todos os anos en Paraguai para producir penso”. Do mesmo xeito, a campaña alerta da súa vinculación co “maltrato animal”, subliñando que o 87% dos porcos viven “pechados no interior das naves e nunca ven a luz do sol”. Fronte a estas situacións a campaña busca tamén informar de opcións alternativas, de que “existe outra gandería a pequena escala, cun gran valor ambiental e social, que xera emprego no medio rural e contribúe ao bo estado dos ecosistemas”. 

Nese senso, Iglesias buscou no seu coloquio co alumnado pór o foco en que o consumo responsable implica ir máis aló do simple acto de consumir un produto para ter en conta que “hai un ciclo detrás, que empeza no como se fabrica ese elemento de consumo e que impacto ten a súa produción”, para logo abranguer “onde e como o mercamos” e ter en conta tamén o que acontece “cando acabo de consumir”, por exemplo, analizando os residuos que xera ese ben de consumo. Nese senso, a responsable de voluntariado de Amigos da Terra abordou tamén neste coloquio a produción de plástico asociada á comercialización de produtos cárnicos, tendo en conta ademais que “España é o terceiro exportador de carne de porco a nivel mundial”.

Educación ambiental

Este coloquio sobre consumo responsable centrado no caso concreto da carne verase sucedido, este martes, ás 11.30 horas, pola conferencia Educando no monte: unha experiencia escolar participativa de Educación Ambienlal, que impartirá na facultade a profesora do CEIP Escultor Acuña de Vigo Mónica Otero Bouzada, impulsora da actividade que o pasado ano levou a máis dun milleiro de escolares a protagonizar unha plantación de árbores na parroquia viguesa de Valladares, en terreos afectados pola vaga de lumes de outubro de 2017.