DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A organización está a realizar diferentes actividades informativas nos centros

Amnistía Internacional busca no campus persoas dispostas a traballar polos dereitos humanos

O martes 30 celebrarán unha xuntanza no edificio Politécnico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Internacional
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/10/2018

“Amnistía Internacional é unha organización que traballa polos dereitos humanos en todo o mundo, contando na actualidade con arredor de oito millóns de socios e socias en 150 países. Trátase dunha organización imparcial, independente e democrática, na que todo o traballo que facemos é propio e sostido unicamente coas achegas das e dos socios”. Así se presenta unha entidade que esta semana e a vindeira está a percorrer os diferentes centros do campus de Ourense en busca de novos membros, de “persoas dispostas a traballar polos dereitos humanos”.   

Jonathan Domínguez e Carlos Barrajón, activistas de Amnistía Internacional Ourense e o primeiro deles tamén presidente de Amnistía Internacional Galicia, son os encargados estes días de facer o que denominan un “pasa aulas”, que consiste en ofrecer en todos os curso de cada titulación unha pequena charla de cinco minutos na que presentan a entidade e na que convidan ás persoas interesadas ás xuntanzas informativas específicas que están a organizar nos diferentes edificios. Se este xoves o Edificio de Ferro acolleu a primeira desas xuntanzas, o martes 30, ás 19.30 h, a cita repetirase, aberta a toda a comunidade universitaria, no edificio Politécnico.

Unha visión crítica

“O obxectivo deste achegamento ao campus é sumar activistas para a organización de Amnistía Internacional en Ourense e poder así desenvolver máis accións no eido dos dereitos humanos”, comenta Jonathan Domínguez, egresado da Facultade de Dereito ourensá. Sobre o que pode achegar a un membro da comunidade universitaria, sexa alumnado, persoal de administración ou servizos ou persoal docente e investigador unirse a esta organización, o seu responsable en Galicia indica que lle permite “formarse, informarse e traballar en dereitos humanos desde unha visión crítica das cousas”. Neste senso subliña a satisfacción e o crecemento persoal que proporciona aos socios e socias ser partícipes desde Ourense de logros internacionais nos dereitos humanos, de ver como “as súas pequenas accións permiten mellorar a vida de moitas persoas noutros países”.