DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rende homenaxe ao artista e profesor da Facultade de Belas Artes, falecido en 2017

Amplíase ata o 22 de maio o prazo para visitar a exposición 'Vieiros na memoria de Manuel Moldes'

Na Casa Galega da Cultura de luns a domingo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
M. Del Río DUVI 25/04/2022

A cidadanía terá un mes máis para visitar a exposición Vieiros na memoria de Manuel Moldes, que rende homenaxe ao artista e profesor da Facultade de Belas Artes falecido en 2017. Inaugurada o 11 de marzo na Casa Galega da Cultura, en Vigo, a mostra tiña previsto pecharse onte domingo, 24 de abril, pero finalmente permanecerá aberta ao público ata o próximo 22 de maio.

Comisariada por Sara Donoso, ex-alumna de Moldes na facultade pontevedresa, a exposición recolle unha selección de obras da serie Vieiros, desenvolvidas a maior parte delas entre finais dos anos 90 e principios da década do 2000. Agrupa “imaxes ao óleo sobre lenzo e cartolina con obras en papel milimetrado e debuxos realizados sobre follas de caderno”, nun diálogo “que reivindica a expresión artística máis aló do soporte o do seu formato”, como explicaba Donoso no acto de presentación desta mostra o mes pasado. 

Deste xeito, a exposición é o resultado dun “diálogo continuo” coa familia do artista, en colaboración da Fundación Manuel Moldes, cuxo obxectivo non era reunir “as obras icónicas” do pintor, senón unha serie de pezas que, “ademais coinciden en datas coa súa entrada como profesor na Universidade”, como salientaba a comisaria. No transcurso do acto inaugural,  Donoso tamén fixo referencia á súa etapa como alumna de Moldes, lembrando “que sempre nos incitaba a aprender facendo, a experimentar, a loitar pola arte...”, polo que esta mostra é tamén unha reivindicación do labor de Moldes como profesor de debuxo, ademais de como un dos referentes da cultura galega e Académico da Real Academia Galega de Belas Artes.

Precisamente, a localización da Casa Galega da Cultura, entre a praza da Constitución e a da Princesa, ten tamén un significado especial, xa que esta contorna foi escenario dos primeiros pasos do grupo Atlántica, un colectivo imprescindible, “tanto para coñecer a traxectoria do desenvolvemento da cultura galega, como para ollar o papel deste autor como docente”, en palabras de Donoso. 

Horarios

A mostra pode visitarse de balde de luns a venres de 18.00 h a 21.00 horas; os sábados de 12.00 h a 14.00 h e de 18.00 a 21.00 horas e os domingos de 12.00 a 14.00 horas.