DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O concurso, organizado pola Axencia Espacial Europea, repartirá máis de 1 millón de euros en premios

Amplíase ata o 6 de xullo o prazo dos ‘Galileo Masters’ para coñecer as mellores ideas en navegación por satélite

O proxecto vigués CX-Geodrone gañou na pasada edición dos 'Space Oscar'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 02/07/2020

O concurso internacional de innovación Galileo Masters amplía ata o 6 deste mes de xullo o prazo de presentación de proxectos de desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite. Esta iniciativa busca anualmente os mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por satélite na vida cotiá e, entre os gañadores, repartiranse máis de 1 millón de euros en premios e algúns deles están orientados a favorecer o desenvolvemento dunha idea en fase inicial e chegar convertela nunha realidade empresarial. Ademais, os premios inclúen acceso a incubadoras de empresas, formación para emprendedores, consultoría de patentes, apoio á realización de estudios de mercado, apoio técnico, apoio á comercialización e acceso a expertos e financiación pública, entre outros.

En Galicia, o socio principal da competición é o Consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración coa Universidade de Vigo e atlanTTic. O premio para a idea gañadora rexional de Galicia é un ano de incubación nun dos parques empresariais da Zona Franca, que inclúe a asistencia no desenvolvemento de produto, acceso a expertos, servizos administrativos e xerais, coaching de negocios, consultoría, avaliación e formación, estudos de mercado e orientación económica. En outubro terá lugar a reunión internacional de avaliación das propostas recibidas e a cerimonia internacional de entrega de premios celebrarase no mes de decembro.

O proxecto vigués CX-Geodrone, gañador da pasada edición

A participación do persoal investigadora da UVigo neste concurso ten acadado importantes éxitos en pasadas edicións. Na de 2019 o proxecto CX-Geodrone resultou gañador destes Space Oscar na categoría de mellor idea do ano. A proposta, impulsada polas universidades de Vigo e de Oviedo, foi elixida entre 300 iniciativas emprendedoras de toda Europa baseadas na navegación por satélite. Os seus promotores recolleron o galardón en decembro en Helsinki na entrega dos premios da convocatoria Galileo Másters, promovida pola Axencia Europea GNSS, a Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais. 

O proxecto, no que por parte da UVigo estaba implicado o grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas -integrado dentro do centro de investigación atlanTTic- propón “instalar sensores radar en drones en voos a baixa altura, unha sensórica que abre todo un novo abano de posibilidades de uso”. Entre outras aplicacións, sería de utilidade para a localización de minas anti-persoa soterradas, a detección de masas forestais ou de verteduras como fuel-oil ou lixo no mar ou mesmo de restos arqueolóxicos.

En anteriores edicións, os proxectos vigueses tamén se fixeron con premios na fase rexional galega do concurso.