Na sesión, García Mateo confirmou que se traballa no deseño definitivo da estrutura xerencial
Ana Comesaña incorporarase á Xerencia da UVigo tras informar a reitora do seu nomeamento ao Consello de Goberno
A mediados de xullo celebrarase o Claustro constituínte
No seu primeiro Consello de Goberno extraordinario como reitora da UVigo, Carmen García Mateo, en cumprimento do artigo 33 dos Estatutos, escoitou esta mañá o órgano colexiado sobre a designación de Ana Comesaña como xerenta da institución académica viguesa, na que xa desempeñara o cargo de vicexerenta de persoal entre os anos 2008 e 2010.
“Destaco a súa experiencia de máis de 30 anos en dirección de recursos humanos, relacións laborais e organización de grandes institucións públicas”, dixo a reitora, que tamén lembrou a súa traxectoria en varios servizos públicos de saúde, e asegurou que “consideramos que ten un perfil moi axeitado para as tarefas encomendadas neste período”. Carmen García Mateo, que avanzou que será a mediados xullo cando previsiblemente se celebrará o Claustro constituínte que permitirá renovar o Consello de Goberno, explicou que neste intre se está a traballar na conformación da estrutura definitiva da Xerencia e as vicexerencias.
Unha traxectoria vinculada a servizos de saúde autonómicos
A viguesa Ana Comesaña chega á Xerencia da UVigo desde a Subdirección Xeral de Relacións Laborais e Actuacións Xurídicas do Servicio Madrileño de Salud, tras desempeñar responsabilidades como directora xeral de Recursos Humanos do Sergas e subdirectora de Recursos Humanos do Servicio Canario de Salud. Ao longo da súa traxectoria liderou procesos de negociación colectiva, acordos de carreira profesional, estabilización de emprego, planificación de cadros de persoal e proxectos de modernización e dixitalización da xestión de persoal en organizacións con decenas de miles de profesionais.
Comesaña iniciou a súa traxectoria profesional no Sergas como Subdirectora Xeral de Políticas de Persoal, para incorporarse en 2008 á Vicexerencia de Persoal da UVigo, que deixaría en 2010 para regresar ao Servizo Galego de Saúde, onde permaneceu ata 2024, momento no que exercía como directora xeral de Recursos Humanos. Tras un ano como subdirectora de Recursos Humanos no Servicio Canario de Salud, incorporouse en xullo de 2025 ao Servicio Madrileño de Salud como subdirectora xeral de Relacións Laborais e Actuacións Xurídicas.
