DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os martes ata o vindeiro 20 de maio, na Casa das Campás

Unha análise da conciencia social do novo cinema alemán centrará a quinta sesión do ciclo “A ollada moderna” de Alexander Kluge

Coa proxección do filme “En perigo e en extrema miseria o sesgo leva á morte”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 08/04/2008

A programación cultural da Casa das Campás continúa este martes coa quinta sesión do ciclo de cine A ollada moderna, un repaso pola filmografía do realizador Alexander Kluge, un dos principais fundadores do coñecido como Novo Cinema Alemán. Para Kluge a arte é a percepción da realidade social que lle rodea e un claro exemplo diso plásmase na súa obra En perigo e en extrema miseria o sesgo leva á morte, o filme que se proxecta hoxe.
Baixo as directrices do profesional Suso Novás, os asistentes afondarán na conciencia social cinematográfica que produce Kluge, xa que nas súas películas o real transfórmase nun diálogo entre imaxes contemporáneas, escritos, documentos, fragmentos de cine ou contos de fadas. Tal como explica Suso Novás ao falar sobre as producións do realizador alemán, “todo dáse cita nun mosaico que termina narrando a historia da sociedade xermana da segunda metade do século XX”.

O filme

A película que poderán ver os asistentes a esta quinta xornada do ciclo de cine de Alexander Kluge, En perigo e en extrema miseria o sesgo leva á morte, é unha viaxe de 90 minutos a través da cidade xermana de Francfort na que se poden ver escenas moi variadas: manifestacións nas rúas, desesperanzas, o Entroido ou un congreso do Partido Socialista. Esta parte documental encontra o seu complemento na ficción representada pola historia de unha ladroa, a protagonista da obra, que se ve envolta nun dilema cando aparece unha espía procedente da outra parte de Alemaña.