DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As docentes da UVigo presentaron a súa obra xunto á conselleira do Mar

Unha análise xurídica do traballo da muller na pesca da man das investigadoras Nora Martínez e Emma Rodríguez 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 13/11/2020

Análise xurídica do traballo da muller na pesca é unha obra que nace dunha xornada celebrada no outono do 2019, organizada polas as súas autoras, as docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, Nora Martínez e Emma Rodríguez. A partir desas sesións de traballo nas que se abordaron a perspectiva xeral sobre os obstáculos á igualdade de oportunidades no sector primario e os problemas xurídicos arredor do traballo da muller na pesca en Galicia, as autores analizan na súa obra aspectos relacionados co apoderamento das mulleres na comunidade marítima, as mulleres na pesca á luz dos convenios internacionais de dereitos humanos e as políticas públicas de fomento da igualdade feminina na pesca. O libro, que hoxe foi presentado en Santiago de Compostela, nun acto que contou coa participación da conselleira do Mar, Rosa Quintana, tamén aborda cuestións relacionadas co acceso ao emprego e as condicións de traballo, os riscos laborais e a protección por maternidade das traballadoras da pesca, o asociacionismo como motor para a igualdade e boas prácticas para derrubar as barreiras de xénero na pesca, entre outros aspectos.

Na presentación, Quintana, puxo de relevo o papel clave das mulleres no desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro e sinalou que a Xunta leva máis de 25 anos traballando polo recoñecemento dos seus dereitos e a súa profesionalización. Neste sentido subliñou o valor de impulsar accións que favorezan a visibilización do traballo das máis de 20.000 mulleres que desempeñan labores no ámbito marítimo-pesqueiro de Galicia. Un exemplo destas accións, sinalou a conselleira, é o libro Análise xurídica do traballo da muller na pesca, que “nos orienta na consecución dunhas condicións laborais e dun marco normativo máis xusto, igualitario e equitativo e tamén servirá de guía para esa xeración máis demandante de formación para que coñeza a realidade socioeconómica da muller no sector e para que contribúa xa desde as aulas a apoderar o seu papel”.

Agradecemento ás mulleres do mar e posta en valor da formación 

A titular de Mar, que tamén estivo acompañada na presentación do libro pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, trasladou o seu agradecemento ás autoras polo seu labor de difusión do rol feminino no eido marítimo-pesqueiro, así como a todas as mulleres que participan neste proxecto e a todas as profesionais que dan vida ao sector. Quintana tamén destacou na súa intervención a importancia da formación como “único pasaporte para o futuro” e para afrontar os retos como a remuda xeracional, a adopción de medidas que garantan a igualdade no eido laboral e o impulso da cualificación e capacitación profesional como as habilidades sociais e directivas ou as aptitudes empresariais ou tecnolóxicas.