DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación acolle un congreso internacional sobre ditaduras

Analizar os totalitarismos do pasado para entender os discursos autoritarios do presente

Coa participación de especialistas de España, Portugal, Italia e Brasil

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/10/2019

Expertos e expertas procedentes de diferentes universidades españolas, portuguesas, italianas e brasileiras participan desde este mércores na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no XII Congreso Internacional da Refat, da rede científica para o estudo dos fascismos, autoritarismos, totalitarismos e transicións á democracia. Analizar as estratexias de comunicación de diferentes ditaduras e movementos totalitarios é o obxecto central deste congreso organizado polo grupo de investigación en Propaganda e Técnicas de Comunicación, que ademais de promover unha análise, desde unha perspectiva comparada, dos discursos e narrativas das ditaduras que o pasado século padeceron España, Portugal, Italia e Brasil pon tamén esta análise en relación con discursos autoritarios que se poden observar na actualidade.

Comunicación social e opinión pública nas ditaduras: narrativas, idearios e representacións é o título deste congreso que “pretende subliñar a importancia da comunicación nos contextos ditatoriais e autoritarios, realizada por gobernos e movementos de todo tipo co propósito de tentar conquistar o poder ou conservalo”, como sinalou o profesor Alberto Pena, presidente do comité organizador. “Este é un momento importante para este tipo de encontros, que teñen que ver co control mediático, cos medios de comunicación de masas e como estes nos axudan ou non á hora de ter criterio sobre o que nos move como sociedade”, engadiu o vicerreitor Jorge Soto, na apertura deste congreso organizado co apoio do Consello Social da Universidade, da Vicerreitoría do campus e da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais. “Estamos vivindo unha época de auxe do autoritarismo”, engadiu o decano, Xosé Baamonde, quen incidiu na importancia de que “sexamos coñecedores destas estratexias de comunicación” na inauguración dun congreso que, lembrou, coincide co 25 aniversario da facultade. Este acto contou tamén coa intervención do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, quen reivindicou o papel da universidade como “unha factoría de solucións”, nun mundo caracterizado “pola propensión á posverdade e no que a mentira vence porque está deseñada para ter máis éxito”. 

Da propaganda nazi ás redes sociais

Na primeira das sete sesións que integran o programa do congreso, o investigador da Facultade Cásper Líbero de Sao Paulo Marcos Guterman puxo en relación a “narrativa para as masas” do nazismo coa actual “diseminación de informacións falsas polas redes sociais”. Guterman lembrou nese senso que a propaganda da Alemaña nazi “foi a primeira en percibir que canto maior sexa o alcance que quero que a miña mensaxe teña, máis simple e máis directa ten que ser”, e que esta debe apelar ás emocións da poboación, aínda que isto implique “unha reinvención do real”. No contexto actual, Guterman observa unha estratexia similar na difusión de mensaxes a través de redes sociais que buscan igualmente apelar ás emocións dunha comunidade, facer que “se sintan ligadas por pertencer a unha mesma realidade, aínda que esta non sexa real”. Deste xeito, xéranse nas redes comunidades nas que “todo o que ameace a lóxica proposta pola mensaxe sexa rexeitado”, explicou Guterman, quen denunciou que “grupos políticos, á esquerda e á dereita, están utilizando as redes sociais para simplificar o mundo”. 

A ultradereita de onte e hoxe comparten discurso

“Antes levaban camisas negras, pardas ou azuis e agora van con gravata, pero o discurso é o mesmo”, salientou na sesión sobre narrativas autoritarias o catedrático da Universidad Complutense de Madrid Alejandro Pizarroso, quen sumou ao debate unha análise da “propaganda de ultradereita” que puña en comparación as ditaduras do período de entreguerras co momento actual. Pizarroso Quintero, que foi decano comisario de CCSS e da Comunicación no curso previo á súa posta en funcionamento, incidiu en que partidos como Vox, a Liga Norte italiana ou a Fronte Nacional francesa baséanse nun “discurso identitario, coa identificación cunha terra que é elevada á categoría de deus”; un discurso que, engadiu “penetra moi facilmente”, xa que “apela á túa identidade, a aquilo que viches no espello desde pequeno” e que os “partidos tradicionais son incapaces de contrarrestar”. 

Xunto a Guterman e Pizarroso, esta mesa contou coa participación do tamén profesor Complutense Pablo Sapag, quen se centrou o labor propagandístico da ditadura de Pinochet en Chile. “A idea central é que se ben a ditadura militar resultou derrotada na súa imaxe internacional, desde o punto de vista da imposición do seu modelo económico, social e político, resultou vitoriosa”. Sapag explicou que a ditadura chilena “fracasou claramente na proxección da súa propaganda exterior porque houbo dúas imaxes que lle afundiron” o propio día do golpe de estado, o ataque aéreo do Palacio da Moeda e a morte do presidente Salvador Allende. Pola contra, a “propaganda de integración” si contribuíu internamente ao establecemento no país dun “modelo neoliberal” que, salienta, “si triunfou”, como amosa o feito de que o país “segue rexido hoxe pola constitución que se aprobou en plena ditadura, no ano 1980”.

Sete mesas de debate

Xunto ás narrativas, a retórica do poder na prensa, o uso propagandístico da política social e cultura de masas, as representacións da historia e da memoria, a opinión pública, a censura e represión e as perspectivas transnacionais da propaganda política centran as sete sesións debate que se desenvolven nas xornadas de mércores e xoves, no marco dun congreso que se celebra por segunda vez en España despois da edición que o propio Pena coordinou en 2013 na illa de San Simón. Este evento abriuse cunha conferencia do catedrático da Universidade de Boloña e coordinador da Refat, Alberto de Bernardi, sobre como a Italia fascista fixo uso da propaganda para converter unha dieta baseada na escaseza nun modelo de “dieta austera” vinculada ao progreso do país. A investigadora da Autónoma de Barcelona Carme Molinero, cunha conferencia sobre a política social na propaganda franquista, será este xoves a encargada de clausurar un congreso que inclúe tamén no seu programa unha recepción institucional, esta tarde, na Vicerreioría do campus.