A actividade terá lugar o sábado 25 de abril
Unha andaina por Porto do Son e o castro de Baroña porá fin á programación de rutas culturais da UVigo deste curso
Aberta á inscrición das persoas interesadas, tendo preferencia a comunidade universitaria
A programación de rutas culturais da Universidade de Vigo deste segundo cuadrimestre e deste curso académico 2025/2026 remata o vindeiro sábado 25 de abril. Como xa é tradición será cun percorrido pola costa, escollendo nesta ocasión como destino Porto do Son e o castro de Baroña. Con este roteiro rematará unha xeira de andainas organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, con financiamento da Deputación de Ourense, que levaron á comunidade universitaria e á cidadanía interesada a percorrer ao longo deste ano as fragas do río Calvo, Lobios, San Mamede e o río Gorgua.
A ruta consta de 16 quilómetros e unha dificultade media. Partirá e rematará na vila de Porto do Son e irá ata o castro de Baroña, xacemento arqueolóxico que destaca pola súa ubicación nunha península e cuxa ocupación data dos séculos I antes de Cristo a I despois de Cristo. Desde a organización da actividade destacan unha vez máis non só o interese cultural deste percorrido senón tamén a beleza da paisaxe de costa que o acompañará.
A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización da actividade animan á participación ao público interesado, subliñando non só a oportunidade que dan estes roteiros de coñecer Galicia e a súa contorna, senón polo bo ambiente que teñen.
