DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sábado 24 terá lugar a terceira ruta cultural deste curso académico

As andainas universitarias volven á Ribeira Sacra polo outono

O itinerario partirá de Castro Caldelas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 22/11/2018

O sábado 24 de novembro celebrarase a terceira das rutas culturais que este curso académico organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. Con ela as andainas universitarias volverán á Ribeira Sacra para gozar da paisaxe outonal neste enclave natural.   

A ruta, que leva por lema Viño e Paisaxe, ten unha dificultade media, percorrendo as e os participantes entre 15 quilómetros seguindo o itinerario Castro Caldelas, Miradoiro de Catasós e  mosteiro de Abeleda. A andaina inclúe paradas interpretativas para coñecer a singular morfoloxía da Ribeira Sacra e unha degustación de viños na Adega Vella. “Despois das augas mineromedicinais de Baños de Molgas e as fermosas ribeiras da Ruta da Pedra e Auga saltamos agora á Ribeira Sacra, un verdadeiro Patrimonio da Humanidade teña ou non o título aínda”, comentan desde a organización dos roteiros.

Inscrición

A  inscrición, que se realiza por Internet, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada andaina pode inscribirse calquera persoa interesada. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando entre os 8 euros co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Existe tamén a posibilidade de adquirir bonos de cinco rutas a un prezo máis reducido aínda que estas persoas deberán inscribirse igualmente nas diferentes rutas ás que queiran asistir para confirmar a súa praza. Haberá autobuses para trasladar as persoas participantes ao inicio de cada ruta dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.

Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración ao alumnado universitario. As persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.) e desde a organización sinalan que o equipo aconsellable para este tipo de rutas debe estar formado por mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra.