DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura recibiu 20 votos a favor, un en contra e un en branco na Xunta de Escola

Ángeles Cancela convértese na nova directora da EE Forestal

A ata agora subdirectora encabeza un equipo que completan Juan Picos e José Manuel Casas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/07/2024

Despois de que a candidatura que encabezaba recibise o respaldo da Xunta de Escola, nunha votación na que se rexistraron 20 votos a favor, un en contra e un en branco, a profesora Ángeles Cancela convértese na nova directora da Escola de Enxeñaría Forestal. Tras exercer como subdirectora do centro os últimos dez anos, a docente do Departamento de Enxeñaría Química situábase á fronte dunha “candidatura de continuidade”, que completan o ata agora director, Juan Picos, que pasa a ser subdirector, e José Manuel Casas, que continuará como secretario académico. De aí que Cancela sinalase o apoio recibido nesta xornada pola xunta de centro como un recoñecemento “ao traballo que fixemos estes anos”, que amosa “que unha porcentaxe moi elevada do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e alumnado está contento coa nosa xestión”.

Profesora da Universidade de Vigo desde o ano 2000, Cancela imparte docencia na escola do campus pontevedrés desde hai preto de dúas décadas e desde 2014 exerce como subdirectora deste centro, primeiro con Enrique Valero como director e logo nos dous mandatos de Picos. Despois de que o pasado mes de novembro o proceso electoral aberto na escola se pechase sen candidatos e candidatas, o equipo directivo continuou en funcións ata a votación deste luns, iniciando tras esta elección unha nova etapa que Cancela definiu como “unha reorganización do equipo”. Nese senso, a nova directora sinalou que o principal obxectivo é continuar co traballo que se viña facendo, ao tempo que sinalou a captación de alumnado como o principal problema da escola.

Unha titulación cunha elevada inserción laboral presente e futura

No referido á captación, Cancela sinalou que un dos retos neste mandato será “ver como mellorar” o número de alumnos e alumnas que se matriculan no Grao en Enxeñaría Forestal, mais ao mesmo tempo lembrou que este é un labor no que xa está implicado todo o persoal do centro. “Todos estades colaborando”, lembrou a candidata nunha Xunta de Escola no que agradeceu á implicación de todo o persoal á hora de participar en iniciativas difusión ou transferencia, nas que “intenta difundir as virtudes de estudar” esta titulación. Ao mesmo tempo, trátase tamén dun persoal que "traballa moito”, lembrou Cancela, que destacou a traxectoria do profesorado da escola en materia de investigación, transferencia ou publicación de artigos científicos, xa que “todo isto beneficia ao centro e é unha forma de dalo a coñecer”, polo que animou ás e os participantes nesta xunta de centro a “seguir todos por esta liña”.

A nova directora destacou que alén de que “a empregabilidade dos nosos egreados é moi alta”, existen tamén unha serie de factores que fan desta unha “titulación importante” de cara ao futuro, como a recente aprobación da regulación de restauración da natureza da Unión Europea, dirixida a promover “a recuperación de ecosistemas en todo o territorio comunitario”, tarefas para as que será precisa, lembrou, a participación destes profesionais. Ao mesmo tempo, o Pacto Verde europeo ten como obxectivo promover “a descarbonización da economía”, un ámbito no que “a bioeconomía forestal é clave”, polo que “cada vez vanse precisar máis titulados en Enxeñaría Forestal”, ao que se suma ademais, que o cambio climático agrava “ameazas como os incendios forestais", fronte aos que “vaise precisar máis ciencia, máis investigación e máis formación”.

Noutros ámbitos, Cancela resaltou o obxectivo de continuar coa actual liña de traballo do centro e tratar de incrementar as dotacións dos laboratorios “na medida en que sexa posible” ou, en materia de calidade, tratar de optar a aqueles recoñecementos e distincións que poidan supor un valor engadido para a escola, que o pasado ano acadaba tanto a concesión definitiva do selo internacional EUR-ACE como a renovación do certificado Fides-Audit á implantación do Sistema de Garantía de Calidade. Do mesmo xeito, resaltou o obxectivo de continuar as liñas de colaboración coas administracións, co sector empresarial e coas comunidade de montes, co propósito de que “a escola estea visible en todo o relacionado co sector forestal en Galicia”.