DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángeles Hermida, primeira vicexerente do campus de Pontevedra

A Universidade segue avanzando co labor de descentralización dos campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 06/11/2007

O obxectivo que se propuxo o equipo reitoral que encabeza Alberto Gago de descentralizar os campus e liberar ao de Vigo de todas as xestións administrativas correspondentes aos outros dous, segue avanzando co nomeamento da primeira vicexerente do campus de Pontevedra. A partir de agora, a institución contará coa labor de Ángeles Hermida Paredes, para desempeñar as funcións correspondentes a este posto.
A nova vicexerente reuniuse hoxe co Reitor, Alberto Gago, na compaña do vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, e da actual vicexerente do campus de Ourense para concretar as primeiras actuacións e obxectivos do mandato. “O nomeamento de Ánxeles Hermida atende ao único obxectivo de descentralizar, tanto no campus de Ourense coma no de Pontevedra, o maior número posible de procesos administrativos” comentou Gago. “Fíxose primeiro en Ourense porque xa había unha persoa que reunía todas as capacidades necesarias para o posto. Agora é o turno de Pontevedra” engadiu o Reitor.
Pola súa banda, Ángeles Hermida expresou a súa gratitude e ilusión afirmando que “persoalmente é un reto co que estou moi ilusionada posto que son de Pontevedra e poder desenrolar a carreira profesional na miña cidade natal, alégrame moito. Profesionalmente tratarei de levar un pouco de modernidade á administración, axilizar procedementos e desenrolar todas as ideas que teño respecto da administración”.

A súa traxectoria

A vicexerente conta cunha ampla traxectoria profesional e practicamente toda a súa carreira estivo ligada á Universidade de Vigo. Licenciada en Dereito, entrou a traballar en 1993 coma xefa de sección na Asesoría Xurídica, de alí pasou a ser administradora de centros no campus de Pontevedra e xefa de servizo de Patrimonio. Despois estivo un ano na Comisión de Servizos coma xefa de servizo de Investigación e, antes de tomar posesión coma vicexerente, levaba unha unidade de loita contra a violencia sobre a muller na subdelegación do goberno de Pontevedra.