DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente de BBAA é unha das comisarias da primeira monográfica sobre René Heyvaert fóra de Bélxica

Anne Heyvaert rememora no CGAC a traxectoria artística do seu pai

Un libro, froito do traballo do grupo dx5, aborda a súa produción de arte postal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 02/04/2019

A obra do arquitecto e artista belga René Heyvaert (Gante, 1929 – Scheldewindeke, 1984) foi sinalada como unha relevante influencia por diferentes xeracións de artistas deste país, onde o seu traballo protagonizou exposicións individuais nos seus principais centros de arte. Non obstante, a súa traxectoria artística nunca fora obxecto dunha mostra monográfica fóra do seu país ata a exposición que ata xuño acolle o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), co seu director, Santiago Olmo, e a artista, profesora da Facultade de Belas Artes e filla do protagonista da mostra, Anne Heyvaert, como comisarios. “A exposición era un reto para min desde hai moitos anos”, salienta a artista e docente dunha mostra que, a través dunha ampla selección de obras, busca reflectir a complexidade do traballo de René Heyvaert. Articulada en diferentes seccións de carácter temático, que priman cuestións formais e metodolóxicas por riba dunha organización cronolóxica, a exposición aborda unha produción artística que abrangueu pinturas e debuxos, obxectos e esculturas, fotografías, libros de artista ou arte postal, sendo este último ámbito o obxecto central de análise do libro René Heyvaert. Mail Art 1964-1984, que o grupo dx5 da Facultade de Belas Artes realizou coa colaboración da editorial Triangle Books e da galería Clearing de Bruxelas e que este xoves 4 de abril se presenta no CGAC.

Espazo, corpo, natureza e vida cotiá

René Heyvaert dedicou os primeiros anos da súa carreira profesional á arquitectura, faceta tamén representada nesta mostra a través dunha maqueta dunha das súas edificacións e dunha serie de vídeos. Non obstante, tras serlle concedida en 1969 unha pensión de invalidez a causa dunha enfermidade crónica, Heyvaert pasou a dedicarse en exclusiva á arte, experimentando con múltiples procesos e materiais e dando lugar a unha “obra difícil de encadrar”, que, ao igual que a súa concepción da arquitectura, mantivo sempre unha “estreita relación co espazo, o corpo, a natureza e a vida cotiá”. 

Partindo das propias divisións espaciais do CGAC e co propósito de achegar “unha comprensión máis transversal e temática do corpus da súa obra”, explica Anne Heyvaert, a exposición presenta en primeiro termo, unha serie de “obras de maior tamaño, máis relacionadas co espazo arquitectónico, pero tamén co corpo e a vida cotiá”, para logo reunir unha serie de “debuxos seriais” con motivos xeométricos, así como obxectos de menor tamaño e mostras de arte postal. Nun terceiro espazo destacan as esculturas e “apropiacións de obxectos cotiás”, explica a súa filla, que incide en como o uso de “materiais próximos” para dar forma a obras “moi concisas” constitúe unha das constantes da traxectoria artística do seu pai. Xa por último, no andar inferior, preséntase unha selección de libros de artista e cadernos nos que Heyvaert recollía reflexións sobre a súa concepción da arte e notas biográficas e persoais xunto a fotografías e debuxos. “É unha exposición na que están ben representadas as distintas fases da súa traxectoria artística e as distintas disciplinas”, recoñece Anne Heyvaert dunha mostra realizada en colaboración co M-Museum de Lovaina, que acollía recentemente outra retrospectiva sobre o artista. “Unha parte da súa selección reemprégase para esta mostra, pero a organización é moi diferente, son dúas visións moi distintas da mesma obra”, destaca.

Primeiro libro sobre a arte postal de René Heyvaert

Co gallo da mostra, o CGAC editará unha catálogo da exposición, con textos dos dous comisarios, o arquitecto Pedro de Llano e o profesor da Universidade de Gante Wouter Davits, pero, así mesmo, a mostra serve tamén como marco para a presentación, este xoves, de René Heyvaert. Mail art 1964-1984, un libro publicado por Triangle Books, con Anne Heyvaert e Lodovico Corsini como editores, que se centra nesta faceta concreta do artista belga, que ao longo de 20 anos envía máis de 250 tarxetas e obxectos postais e máis de 40 destinatarios, das que máis dun cento se reúnen neste libro. “É o resultado dun traballo de investigación, de compilación, análise e catalogación da súa obra”, explica Heyvaert, que centrou a súa tese de doutoramento no estudo da arte postal de seu pai, poñéndoa en relación co conxunto da súa produción artística e a súa formación como arquitecto. Un estudo que serviu como punto de partida para o que é o primeiro libro que se centra nesta faceta da obra de Heyvaert e que este xoves ás 19.00 horas presentará no CGAC xunto a Santiago Olmo, a directora do grupo dx5, Ana Soler, e o crítico e comisario Alberto González-Alegre.