DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As investigadoras Andrea Davila e Mar Ramón foron premiadas no certame ‘Novos Valores’

Un ano por diante para crear e investigar arredor do corpo e os obxectos 

A Deputación outórgalles unha bolsa de estudos de 7500 euros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/10/2020

Explorar o imaxinario colectivo do corpo humano e os cambios que este experimentou ao longo da historia e afondar nas relacións entre o individuo e os obxectos que lle rodean son dous dos eixos do traballo, tanto investigador como artístico, que as alumnas de doutoramento da Facultade de Belas Artes Andrea Davila e Mar Ramón desenvolverán nos próximos meses, tras ser premiadas no certame Novos Valores da Deputación de Pontevedra. Investigadoras do grupo de investigación Prace (Procesos de Resistencia na Arte Contemporánea Española), as obras que presentaron a este certame e que desde forman parte da exposición inaugurada este xoves no Museo de Pontevedra foron seleccionadas, xunto ás de Nuria Figueiredo e Alejandro Rego, como gañadoras dunha bolsa de estudos dun ano, cunha dotación económica de 7500 euros.

Máis aló da “validación e valoración por parte dun xurado do que estás facendo, que para min é moi importante”, Mar Ramón destaca deste premio a posibilidade de obter “uns recursos económicos incribles”, que no seu caso, permitiranlle producir dúas exposicións en 2021. “Recibir un premio sempre é alentador, supón un recoñecemento a todo o esforzo e tempo investidos nalgo que é importante para un mesmo”, engade Andrea Davila, que incide tamén no apoio económico que esta bolsa supón para a continuación dos seus proxectos, que no seu caso, pasan tanto pola produción artística como pola estadía internacional que realizará no Boston College grazas a este premio e unha bolsa Fullbright de ampliación de estudos artísticos outorgada pola Xunta de Galicia.

A pel como límite

Nunha estadía de seis meses que lle permitirá tamén optar a un doutoramento internacional, Davila buscará explorar “algunhas nocións que, dun xeito amplo, interrelacionan filosofía e arte e que constitúen partes específicas de capítulos da miña tese”, tanto desde unha perspectiva teórica como desde a producion artística. “Coa miña tese busco crear unha serie de pezas que exploren o imaxinario colectivo do corpo humano e os cambios que experimenta ao longo da historia dependendo de mitos e dos avances na ciencia, pero tamén de percepcións máis subxectivas”, explica a artista, que parte da concepción da pel “como un contedor do corpo humano e coma un límite que o protexe doutros corpos”. Nese senso, o uso de “metais, textos, materiais cerámicos ou resinas par falar do corpo a través de formalizacións máis abstractas” centrará o proceso de creación artística que nos próximos meses desenvolverá no marco dunha investigación baseada "na práctica e na teoría”. Neste segundo ámbito, cobra especial relevancia a estadía internacional, xa que, sinala, “os académicos e académicas americanas lideran desde as últimas décadas unha perspectiva teórica que se basea na percepción da pel como interface, coma lugar de encontro co outro”. 

O individuo e os obxectos que lle rodean

A análise teórica e a creación artística son tamén “inseparables” na investigación que desenvolve Mar Ramón, que centra a súa tese no “obxecto na produción contemporánea”. Diálogos e discusións. Unha investigación formal sobre as prensións dadas entre corpos e obxectos é o título do proxecto que presentou a este certame e que pon o foco no individuo e na que é a súa contorna máis próxima, os obxectos, "nunha época de sobreprodución”. Partindo de realidades cotiás, Ramón busca explorar “a materialidade e desmaterialización" dos “diálogos entre os obxectos e o corpo” nun proxecto que busca tender “pontes entre a filosofía e o traballo no taller”. Nese senso, a artista incide nas conexións entre a análise teórica e a produción artística, como algo “que se vai construíndo de forma natural”. Non en van, engade, “toda a miña produción baséase na percepción do doméstico como algo estético, nas relacións do corpo cos obxectos e coas estancia dentro da casa, no teatro xestual e o diálogo entre nós e a nosa contorna máis próxima”.

Un ano que comeza e remata no Museo

As obras de Ramón e Davila forman parte das 21 seleccionadas para a exposición inaugurada este xoves e que ata o 15 de novembro poderá visitarse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, onde, dentro dun ano, os catro artistas premiados presentarán obras resultado deste ano de traballo. “É un certame que me encanta, porque reúne a moitos compañeiros, tanto da facultade como do ambiente artístico”, salienta Mar Ramón, premiada por Homeworks, unha obra composta por dúas esculturas, 31h 40 min e 26h 55 min, cuxos títulos fan referencia “ao tempo de dedicación a cada unha delas”, partindo dunha reflexión sobre como o confinamento cambiou o “concepto do tempo” nunha sociedade “na que todo é de produción rápida. A través da combinación da escultura cerámica con materiais domésticos como tarros de cristal, Ramón deu forma a dúas construcións “que recordan a tótems que aspiran a unha grandeza desde os recursos domésticos”.

Andrea Davila, pola súa banda, foi premiada por I wish you’d rub your quills against my stomach (desexaría que frotases as túas plumas contra o meu estómago), unha obra que xira tamén en torno a esa idea da pel “como lugar de encontro co outro”. Un encontro, salienta, “que pode ser positivo ou negativo e para o que a pel pode servir como unha especie de protección”. Trátase, de feito, dunha obra de “carácter táctil”, que presenta unha serie de formas cónicas de resina con puntas de metal, de tal xeito que, “se non a colles ben, fai dano nas mans”, e que, engade a artista, “dunha forma máis aberta, tamén explora o desexo, o medo, a fraxilidade e o rexeitamento que se poden producir a través do tacto, da súa ausencia ou pola pel mesma”.