Realizada por José Montero e Macarena Cuíñas, a obra preséntase este xoves en Vigo
Unha antoloxía única fai renacer as rimas do poeta bueués Jorge Loira
Falecido en 1982, Torrente Ballester auguráballe un “posto distinguido” na poesía española
“No deja de ser posible, sino casi seguro, que un puesto distinguido en la historia de la poesía española haya quedado vacante”. Así se refería Gonzalo Torrente Ballester en 1982 ao falecemento de Jorge Loira (Bueu, 1963-1982), un mozo apaixonado pola expresión poética, “que viviu intensamente os seus anhelos e ambicións intelectuais nos seus dezaoito anos cando, de golpe, un aneurisma acabou con eles levándose ao mozo e ao poeta, indisolublemente unidos”. Así se recorda no libro Antoloxía poética de Jorge J. Loira Gago, unha obra realizada polo catedrático José Montero, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, e a súa discípula, Macarena Cuiñas, doutora pola Universidade de Vigo.
Para levar a cabo este intenso proxecto contaron coa colaboración e “total dispoñibilidade” dos pais e a irmá do autor, que lles amosaron a produción artística e poética de Jorge, documentación que conservan intacta, organizada e custodiada con esmero. “Baixo a miña dirección elaboramos a selección antolóxica e preparamos a edición do texto, as notas e o aparato crítico. Un traballo de case cinco anos”, explica o catedrático da UVigo, quen agarda contribuír con este traballo ao desexo da familia “de divulgación e recoñecemento da obra do seu fillo”.
A presentación do libro será este xoves, día 12, na Asociación Evame-Oroza, na subida á Costa, 5, na zona vella da cidade de Vigo, ás 20.00 horas, nun acto aberto a todo o público interesado no que intervirán o propio José Montero e o editor Xabier Romero.
“Un mozo apaixonado pola expresión poética”
A obra de Jorge Loira preséntase neste libro, editado por Elvira, como a produción literaria dun mozo “apaixonado pola expresión poética do transcendente, o que existe máis aló dos sentidos humanos, un rapaz ansioso por descubrir a súa propia lírica”. Nado na vila mariñeira de Bueu, sempre sentiu un forte apego ao mar e a súa terra natal. Comezou a escribir á prematura idade de 13 anos e con 18 desprazouse a Salamanca para estudar Psicoloxía, onde coñeceu e estableceu amizade con Gonzalo Torrente Ballester. “Foi un rapaz intelixente, brillante, gran amante da lectura, o xadrez e os deportes náuticos”, “un creador e artista que se expresou a través da palabra, a pintura e a escultura”, recordan Montero e Cuiñas no libro.
“Nesta edición aspiramos a recuperar o texto máis fiel á vontade do seu autor”, apunta Montero, quen salienta que para alcanzar este obxectivo traballaron con textos orixinais, manuscritos e mecanoescritos, considerando sempre como texto base a versión mecanoescrita. “A razón é que parece claro que Jorge escribía á man e, posteriormente, mecanografiaba o texto manuscrito, modificando, en ocasións, algo do texto orixinal escrito por el mesmo”, salienta o director da antoloxía.
Realizado con extremo coidado e respecto
Unha vez establecido o texto base de cada poemario ou poema solto, procederon ao cotexo exhaustivo de todas as versións existentes. “O resultado deste cotexo reúnese no Aparato crítico, situado ao final do volume, composto dunha breve explicación das versións de cada texto, un apartado de Erratas (de habelas) e as variantes resultantes do cotexo. A obra pictórica e escultórica de Loira quedaron fóra deste volume ao tratarse esta obra dunha edición crítica específica sobre os textos escritos.
En canto aos criterios de edición, limparon o texto de erratas e de erros ortográficos, modernizaron a acentuación segundo as novas normas da Real Academia Española e, de igual maneira, actualizaron a puntuación (“sendo sempre coidadosos e respectuosos co ritmo discursivo do verso de Loira””.
No que se refire á orde expositiva do volume tentaron seguir, na medida do posible, un criterio cronolóxico e, no caso daqueles poemas imposibles de datar con exactitude, seguiron a orde alfabética.