DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante a reaparición en escena do grupo de resistencia poética Rompente

Antón Reixa mantén un encontro no campus con investigadores da Cátedra Saramago

O debate estivo moderado por Antía Monteagudo e Alberte Valverde, especialistas na súa obra

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Visitas
  • Académica
D. Besadío DUVI 29/10/2019

Escritor, músico, poeta, guionista, produtor, director de cine e mesmo presidente da Sociedad General de Autores y Editores, SGAE. Poucas persoas teñen un perfil profesional tan aberto e variado como o do vigués Antón Reixa. Este martes o polifacético autor visitou a Facultade de Filoloxía e Tradución convidado pola I Cátedra Internacional José Saramago para participar nun encontro con investigadores e investigadoras deste centro, con quen tivo a oportunidade de dialogar sobre a súa ampla traxectoria profesional.

Boa parte da conversa xirou arredor do grupo Rompente, impulsado polo propio Reixa, Alfonso Pexegueiro e Manuel Romón e que revolucionou o panorama cultural da Transición ata converterse na icona de toda unha época. Eles foron os primeiros en levar a poesía á rúa e mesturala con outras artes e con eles comezou a falarse de poesía experimental, de dadaísmo, de disolución dos xéneros literarios... Agora, 40 anos despois do seu nacemento –rompente estivo activo de 1975 a 1983- reaparece en escena este grupo, non só contándolle ás novas xeracións o que significou, senón decididos a reiniciar unha nova etapa, tal e como anunciaron na novena edición do Festival Kerouac, celebrado a comezos de mes en Vigo. 

Ademais do director da cátedra, o profesor Burghard Baltrusch, encargáronse de moderar o debate os investigadores Alberto Valverde e Antía Monteaguado, especialistas ambos na obra deste autor. Neste senso, Baltrusch lembrou que Valverde é o autor da primeira tese de doutoramento sobre o grupo Rompente, “un traballo historiográfico de inmenso valor”, e Antía Monteagudo, “a iniciativa de quen se celebrou esta conversa” está a realizar unha tese comparando a obra de Reixa coa do poeta e ensaísta portugués Alberto Pimenta, caracterizado tanto polo carácter crítico e irreverente da súa obra, como pola diversidade de xéneros abordados: poesía, teatro, crítica, performances...