DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para a admisión no grao seguirase o procedemento xeral do Sistema Universitario de Galicia

Anúlanse as probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Por mor da situación excepcional xerada pola COVID-19

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/05/2020

Aínda que o acceso do alumnado de novo ingreso dependía das cualificacións obtidas na ABAU e do seu expediente académico, o estudantado que quixese cursar o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte na Universidade de Vigo debía superar tamén un requisito previo, obter a cualificación de apto nunhas probas físicas que, por mor da situación excepcional xerada pola COVID-19, non se levarán a cabo neste 2020. Segundo recolle a resolución reitoral pola que se suspende a celebración destas probas, a admisión para o curso 2020-2021 no grao que se imparte na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte seguirá o procedemento xeral establecido para o acceso a estudos oficiais do Sistema Universitario de Galicia.

“O acceso será igual que para calquera outra carreira”, explica o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo, que sinala á “imposibilidade de levar a cabo” unhas probas inicialmente convocadas para o 22 de maio e 18 de xuño, así como o feito de que “os aspirantes non puidesen preparalas” por mor do confinamento, como os motivos dunha decisión que, engade, adoptaron tamén outras universidades. Así, despois de que a Xunta de Facultade acordase por unanimidade solicitar a súa anulación, unha resolución reitoral ditada esta semana deixa sen efecto a resolución do mes de marzo que establecía o procedemento para a súa realización, “á vista da situación excepcional xerada polo estado de alarma” e a súa "incidencia na actividade presencial en dependencias da Universidade". 

Vixencia en 2021 das probas realizadas o pasado curso

Dirixidas a garantir unhas aptitudes mínimas de condición física que permitisen o correcto aproveitamento das materias prácticas da titulación, as probas, que como lembra Romo, cada curso superaban “a maioría dos aspirantes”, tiñan unha validez de dous anos. Deste xeito, aqueles que obtiveron a cualificación de apto en 2019 non estaban obrigados a realizalas de novo no actual e, dada á súa anulación, os dereitos adquiridos por aqueles e aquelas que as superaron o pasado curso manteranse en 2021. Do mesmo xeito, tampouco terá que realizalas de novo o estudantado que as tivese superado o pasado curso noutra universidade española. 

Así mesmo, a resolución establece que se procederá de oficio á devolución dos importes aboados en concepto de dereitos de exame por aqueles estudantes que formalizaron a súa inscrición nas probas antes de que, trala declaración do estado de alarma, a facultade acordase suspender os prazos de inscrición, inicialmente establecidos entre o 5 de marzo e o 22 de abril.