DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O pintor expón por primeira vez no campus unha serie con este título

Ánxel Huete trae a súa “iconofobia” á Sala Alterarte

A mostra está comisariada polo coleccionista e promotor cultural Luis Sirvent

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 26/04/2019

Desde este venres e ata o 28 de xuño a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a mostra Iconofobia, realizada polo artista Ánxel Huete e comisariada polo coleccionista e promotor cultural Luis Sirvent. Nela, o pintor deixa de lado a súa liña de traballo principal no eido abstracto para xogar co pop art, coas imaxes dos medios de masas e coa ocultación e suscitar así unha reflexión sobre o exceso de imaxes visuais e icónicas na sociedade actual.

A serie de obras expostas no campus, serigrafías manipuladas con acrílico, xurdiron segundo explican comisario e creador en dúas sesións de traballo realizadas no taller de serigrafía da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, nos anos 2004 e 2018, nas que o artista contou coa asistencia técnica de César Taboada, director do centro. Nestas pezas, que se expoñen por primeira vez ao público, pártase dunhas serigrafías de imaxes pertencentes ás campañas publicitarias da firma Benetton, obras do fotógrafo Oliviero Toscani e publicadas orixinalmente en 1993 na revista Colors. As serigrafías da serie feita en 2004 son homes espidos e a de 2018 mulleres espidas e serven de soporte visual ás operacións plásticas de Ánxel Huete de “ocultación”.

Os trazos pictóricos e as manchas translúcidas de “ocultación” que cobren parcialmente as imaxes serigráficas expostas no campus funcionan, explican desde a mostra, “como un trazado que desiconiza as imaxes e ábreas a novas posibilidades de lectura”, lecturas que van desde un cuestionamento explícito da proliferación de iconas fotográficas ata “unha alternativa comunicativa na que autor e espectador recuperan o control dos significados por facer e na que a imaxe se manifesta ao fin, en toda a súa tensión física, como o territorio da liberdade e o exceso”.

Exceso de imaxes e de iconas

“A miña imaxe é de pintor abstracto e digamos que esta exposición é un pouco diverxente pero só aparentemente porque ao longo da miña vida fun visitando en diferentes momentos o pop art, que coñecín no 68 en Londres”, comenta Ánxel Huete. Así, apunta como en diferentes ocasións traballou na súa obra con imaxes dos medios de comunicación de masas, como é neste caso, no que as imaxes son sometidas a un “proceso de semi-ocultación, para desarticular o discurso icónico”. En Iconofobia, detalla o artista, “trato de traballar sobre este exceso de imaxes visuais e icónicas”, apuntando no seu discurso o abuso do uso que na súa opinión se fai da palabra icona, “que se usa de maneira perversa para nomear cousas que correspondería chamar símbolos”.  

Sobre a idea de levar a cabo esta mostra o seu comisario sinala como é froito da confluencia dunha amizade de máis de 40 anos entre el e Ánxel Huete e do interese tanto de Luis Sirvent como do director da Sala Alterarte, Xosé Manuel Buxán, de traer a obra do pintor galego a este espazo expositivo no campus de Ourense. Na mostra, apunta o comisario, “saímos da liña habitual de Huete amosando outra que nunca foi presentada e á que nunca se lle deu a importancia que ten”. “É un traballo moi interesante que vén dun estudo e dunha reflexión de moitos anos no que conflúe a influencia que o pop británico deixou en Huete na súa etapa de xuventude e o obxectivo de desiconizar as imaxes”, indica Sirvent.

“Esta exposición que presentamos no espazo Alterarte da Universidade de Vigo constitúe un novo xiro conceptual a unha problemática que, desde os seus xuvenís inicios baixo a influencia do pop británico máis politizado, tivo unha forte presenza en todas as series pictóricas de Ánxel Huete: a latencia, a miúdo solapada ou soterrada, de elementos icónicos en ocasións emparentados co pictograma, xeralmente trasmutados en elementos simbólicos polo procedemento de sometelos a unha extrema síntese formal”, detallan os responsables da mostra.