DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) desenvolve as apps do proxecto Erasmus+ Allure

Aplicacións deseñadas por investigadores de atlanTTic achegan contidos culturais de xeito accesible a persoas en risco de exclusión 

A Xunta lidera o proxecto, no que tamén participan socios lusos, polacos e islandeses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • TIC
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 05/10/2022

Que persoas con discapacidade, migrantes, terceira idade ou con baixas cualificacións profesionais poidan acceder de xeito accesible, a través de dúas aplicacións, a eventos culturais, é o obxectivo do proxecto Erasmus+ Allure (Alfabetización Liberadora: Accesibilidade Universal en Recursos culturais para a educación permanente), unha iniciativa liderada pola Consellería Cultura, Educación, FP e Universidade da Xunta de Galicia e na que participan a Universidade de Vigo, a Asociación Empresarial de Portugal, os Obradoiros de Cultura de Lublin (Polonia) e o Centro Téxtil Islandés.

Iniciado en 2020, cun orzamento de preto de 170.000 euros, e con data de finalización fixada para o ano que vén, “este é un proxecto Eramus+ KA2o4 centrado no ámbito da educación de persoas adultas, que foi orientado cara ás actividades culturais. O resto de socios están dunha ou doutra forma relacionados coa cultura e nós somos o socio encargado de realizar os desenvolvementos propostos”, explica Enrique Costa Montenegro, docente e investigador do Grupo de Tecnoloxías da información (GTI) do centro atlanTTic da UVigo, que xunto a outros dous investigadores do Grupo de Innovación docente Desire, conforman a representación da Universidade de Vigo nesta iniciativa ,que permitirá coñecer a realidade da cultura en Europa desde a perspectiva da inclusión e a accesibilidade cultural, os retos que enfronta e posibles solucións que faciliten un acceso inclusivo aos recursos culturais existentes.

Unha web e unha app para achegar información cultural accesible 

Logo da elaboración de informes que analizan que se está a facer en Europa para achegar a cultura dun xeito accesible ás persoas que o precisan, o proxecto céntrase na parte dixital, que contempla dúas actuacións: dunha banda, a elaboración dunha web (CIMA), que facilita a información ás persoas usuarias en formatos accesibles, e,doutra, a creación dunha aplicación que xere actividades educativas accesibles para adultos. A aplicación web CIMA (Cultural Information Made Accessible), elaborada polo Grupo GTI de atlanTTic, xa está dispoñible e poder ser usada libremente e de xeito gratuíto por calquera persoa, entidade e institución, en castelán, galego, portugués, inglés, polaco, islandés e ucraíno, este último co obxectivo de facilitar o acceso da poboación desprazada polo conflito aos diferentes eventos e recursos culturais. 

Deseñada co obxectivo de facilitar o acceso á información dos recursos culturais, CIMA require para ser usada achegar unha serie de datos sinxelos, para, a partir deles, xerar un documento .pdf, accesible a lectores de pantalla, con textos pictográficos e fáciles de ler e cun deseño que coida todos os detalles como tipografía, contraste de cor, iconografía ou transparencia dos pictogramas, para garantir a accesibilidade do resultado. Deste xeito,  ponse a disposición dos  e das programadoras culturais unha nova ferramenta que permite xerar de modo rápido e en diversos idiomas folletos que poidan ser lidos en PDF para ser accesibles a persoas con problemas de visión con información relevante e de maneira accesible sobre os eventos: localización, horarios, información sobre como chegar, guías, prezos especiais, dispoñibilidade de escaleiras mecánicas ou ascensores, espazos de descanso, carreiros accesibles para cadeiras de rodas, información sobre as pezas do museo, etc.

“Levamos moitos anos traballando en desenvolvementos tecnolóxicos orientados cara á accesibilidade, aínda que máis centrados en aplicacións móbiles, como se pode ver no proxecto Accegal, que codirixo”, sinala Enrique Costa, que aclara que neste caso “é a primeira vez que desenvolvemos unha aplicación web, aínda que xa tiñamos experiencia en partes dela, como o uso de pictogramas, que xa utilizáramos en aplicacións como PictoDroid Lite, talkAACtive ou PictoXacobeo”.

Como partindo de Accegal se chegou á constitución do consorcio do proxecto CIMA 

O proxecto Accegal, para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles, que Costa codirixe xunto á Fátima García Doval, foi o punto de partida de Erasmus+ Allure, ao detectar ambos a necesidade de facilitar o acceso aos eventos culturais a persoas adultas con discapacidade, migrantes, terceira idade ou con baixas cualificacións profesionais, que non os consideran unha alternativa de ocio real. “Pensamos que o primeiro que se necesita é un acceso universal e sinxelo á información dos eventos culturais e así xurdiu a idea do proxecto e da aplicación web CIMA”, detalla Costa.

A partir de aí, buscáronse asociacións culturais de diferentes países no que os modos de acceso á cultura fosen diferentes, a así formouse o consorcio do proxecto CIMA. “Ademais a Xunta está a fomentar esta liña de cultura inclusiva, e aí a idoneidade do proxecto”, sinala o investigador de GTI, que, explica, que pola súa banda, o persoal investigador do grupo Desire, utilizará a metodoloxía Design Thinking para definir un dos obxectivos do proxecto.