DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante a falla de garantías de que poidan celebrarse con normalidade en outubro

Aprázanse as JAI ata 2021

Desde a organización traballan xa na creación dun “xemelgo dixital” das xornadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 22/05/2020

A falla de garantías de que poidan celebrarse con normalidade obrigou ao comité organizador das Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, JAI 2020, previstas para o vindeiro mes de outubro, a decidir adialas ata 2021. A pesar de que este é un evento que os organizadores planifican con moita antelación, “o verdadeiro esforzo realízase nos últimos catro meses, por iso pensamos que agora era o mellor momento para decidir se continuar adiante ou non”, sinala o coordinador das xornadas, José Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática.

Segundo explican os organizadores non hai que descartar novos brotes da COVID-19 a partir de setembro, “o que repercutiría en limitacións de aforo na escola ou provocaría incluso o peche dos centros educativos”. Por estes motivos consideran que ser prudentes e pospor o evento é a mellor opción. A día de hoxe as novas datas de celebración están aínda por decidir, “pero creo que nos decantaremos por algunha semana do segundo semestre de 2021 como punto de partida”, engade.

Un ‘xemelgo dixital’ multiplicará a repercusión das xornadas en países de fala hispana

Na programación de actividades para esta edición estaban previstas múltiples conferencias sobre robótica, automatización, internet das cousas, comunicación industrial, seguridade, eficiencia enerxética... Así como tamén o coñecido ‘show room’, un espazo no que os diferentes fabricantes expoñen os seus novos inventos e, como principal novidade, as denominadas ‘link2talk’, reunións privadas nas que estaba previsto que as persoas interesadas nalgunha das conferencias tivesen a oportunidade de afondar no tema co propio relator nun encontro xa máis reducido.

Agora, ante o cambio de plans, desde a organización valoran xa a posibilidade de engadir a todo isto a creación dunha réplica dixital das xornadas que permita que se convertan nun “evento internacional, pioneiro e de referencia no sector para todo o mundo de fala hispana. As dimensións das JAI no mundo físico están limitadas, pero no mundo dixital non terían límites”, engade o coordinador.

“As xornadas xa se teñen emitido en internet e publicado á carta, xa que dende a primeira edición naceron cunha forte carga dixital. O que se propón agora é levar esta dixitalización un pouco máis aló, implantando un xemelgo da propia escola no que replicar dixitalmente tanto as actividades desenvoltas no salón de actos como as que se levan a cabo na entrada principal”, explica Armesto. Tanto gustou a idea que, en colaboración coa empresa Teltek e UVigoTV fixeron unha proba de concepto funcional que xa lles presentaron ás firmas participantes, que coincidiron na grande oportunidade que suporía este novo sistema de difusión.

As firmas manteñen o seu compromiso de participación

Respecto ás firmas participantes desde a organización confían en que todas manteñan o seu compromiso coas xornadas, “pois así nolo fixeron sentir nas diferentes reunións remotas que celebramos estes últimos días”, recalca o coordinador, quen lembra algunhas das empresas que estaba previsto se incorporasen este ano ao evento -HMS Networks, Ifm, Lapp, Panasonic, Pepperl+Fuchs, Schunk, Weidmüller ou Yaskawa, entre outras- así como as que son xa veteranas nesta cita e que inclúen nomes como Rockwell Automation, Scheneider Electric, Siemens ou Phoenix Contact. 

Esta non é primeira vez que unha crise obriga a suspender as JAI

Exceptuando a nova proposta de xemelgo dixital, nin organizadores nin empresas teñen intención de facer cambios con respecto ao que estaba planeado para outubro; e aínda que a día de hoxe non poden sabelo, confían en que as JAI 2021 permitan non só manter, senón mellorar, a calidade e riqueza do evento. “Das crises ás veces xorden cousas boas e a experiencia que temos con esta actividade é que cada vez que houbo un parón, as JAI medraron”. Neste senso Armesto lembra que a crise económica xa obrigara a suspender a edición prevista para 2009 e as xornadas retomáranse “con forza” ao ano seguinte, “pero foi o parón que houbo entre as edicións de 2014 e 2018 o que mellor lles sentou, sendo as JAI 2018 a edición máis relevante ata a data, a que supuxo un antes e un despois”, conclúe Armesto.