DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o acordou hoxe o Consello de Goberno na derradeira sesión do curso 2020/2021

Aprobadas as memorias para a creación das facultades de Deseño, Dirección e Xestión Pública e Relacións Internacionais 

Varios centros impartirán no inicio do vindeiro curso materias en modalidade non presencial

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 27/07/2021

Novo paso adiante para a creación de tres novos centros na Universidade de Vigo despois de que hoxe o Consello de Goberno, na súa derradeira sesión do curso 2020/2021, aprobase as memorias de creación das facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública no campus de Pontevedra e da Facultade de Relacións Internacionais no campus de Ourense. 35 votos a favor, un en contra e dúas abstencións foi o resultado da votación sobre un novo capítulo “un proceso longo, do que estamos na metade”, destacou o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, e sobre o que a docente e investigadora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e ex directora do centro, Edita de Lorenzo, manifestou a súa oposición , porque considera que a creación destes novos centros “non está xustificada”. 

Este foi un dos acordos acadados na sesión de hoxe, na que tamén se aprobaron as memorias para as solicitudes de verificación e modificación de varios títulos que comezarían a impartirse no curso 2022-2023 e entre os que se atopa o Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia. O mestrado promovido pola Facultade de Fisioterapia e contra o que se manifestou a dirección da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, continuará a súa tramitación logo da votación a favor do órgano de goberno da UVigo, e despois que o último ditame xurídico solicitado pola institución académica viguesa reflectise que non se produce unha invasión de competencias profesionais, como se asegura desde o centro que dirixe Óscar García.

 Na sesión deste martes tamén se aprobaron as solicitudes das facultades de Educación e Traballo Social; de Ciencias da Educación e do Deporte e de Química, así como do mestrado en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas para comezar a impartir o vindeiro curso algunhas das súas a materias de xeito non presencial. Así mesmo, os e as integrantes do Consello aprobaron por asentimento o primeiro Estatuto do estudantado deportista na UVigo que ten o obxectivo de promover a apoiar o deporte universitario fixando medidas que favorezan a conciliación da vida universitaria e deportiva, e que fomenten o recoñecemento académico das prácticas físico-deportivas pola súa achega á consolidación dos valores propios e das boas prácticas na UVigo.

Plan de financiamento, novas titulacións e unha solución para o traslado de CC do Mar á ETEA

A evolución da negociación do vindeiro Plan de Financiamento Universitario abriu o informe do reitor ao Consello de Goberno, no que explicou que “existen diferenzas importantes” entre a Consellería de Facenda e as tres universidades, que solicitan máis financiamento por crédito/alumno. Aínda así, e na procura dunha postura intermedia, Manuel Reigosa asegurou que “estou satisfeito de como van as cousas”. 

En relación con mapa de titulacións do SUG para o período 2022/2026, o reitor lembrou a presentación celebrada nas últimas horas en Santiago dos futuros mestrados, deseñados a  partir do estudo G2030 de Feuga, destacando que se tratan de “mostras de interese das tres universidades, o que non quere dicir que se vaian implantar en todas as que manifestaron interese”. En setembro comezará un proceso para definir os detalles de cada titulación, cuxas memorias serían aprobadas no mes de maio de 2022. En relación cos novos graos que se incorporarían ao futuro mapa de titulacións, Reigosa lembrou que serían entre 10 ou 12 novos títulos que agora non existen no SUG e sobre os que se agarda un acordo en febreiro do vindeiro ano. Neste sentido, o reitor destacou a posible “reconfiguración da oferta actual, substituíndo un grao que non funciona moi ben por outro”, así como un previsible incremento dun 10% no número de prazas ofertadas, a declaración de singularidade de graos e mestrados existentes e a proposta de novos mestrados e programas de doutoramento á marxe do estudo G2030 realizado por Feuga. 

Por outra banda, e logo da decisión adoptada recentemente de non trasladar fóra do campus de As Lagoas ningún centro, Reigosa confirmou a recepción esta mesma mañá do acordo da xunta da Facultade de Ciencias do Mar, celebrada nas últimas horas, que considera que o mellor lugar para situar o centro é a ETEA. Neste sentido, o reitor avanzou que se comprometía a que haxa unha solución “e que se poida mover con suficiencia e corrección”, dixo. Para rematar, e en relación coa evolución do proceso de matrícula que acadou a metade do cuarto chamamento, Reigosa avanzou que neste intre quedan libres un 15% de prazas de novo ingreso nas titulacións que se ofertan nos tres campus, polo que “podemos esperar que haxa un éxito de matrícula”, afirmou.

Luz verde ás memorias para a creación de tres novas facultades e novas sedes para o PUM

O proceso para a creación das facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública no campus de Pontevedra e da Facultade de Relacións Internacionais no campus de Ourense.  iniciouse o pasado mes de outubro cando o Claustro instou ao Consello de Goberno a comezar a tramitación. Despois, o órgano de goberno encargou a elaboración das memorias ás correspondentes comisións, memorias que foron informadas polo Claustro en xuño, como paso previo a súa aprobación hoxe polo Consello de Goberno, onde o rexeitamento da docente e investigadora da EE de Telecomunicación Edita de Lorenzo obrigou a votar este punto, que finalmente apoiaron 35 membros do Consello, un votou en contra e dous abstivéronse. De Lorenzo argumentou a súa negativa á creación das facultades na falta de fundamentación nas memorias e tamén, porque, asegurou “pásase do minifundio ao microfundio, e facer minifacultades, non o vexo, como tampouco a presa”. Pola súa banda, o reitor lembroulle que hoxe o que se votaba eran as memorias e que os centros xa foran creados anteriormente en Claustro e Consello de Goberno, polo que “as túas consideracións chegan tarde”, sinalou Reigosa.

A Facultade de Deseño localizarase no Edificio de Benito Corbal, onde se impartirían inicialmente as titulacións de Grao en Deseño e o Máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda, cun estudantado estimado de 260 alumnos e alumnas. Pola súa banda, a Facultade de Dirección e Xestión Pública compartiría o edificio da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, impartíndose alí o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, cun alumnado estimado de 212 persoas. E por último, a Facultade de Relacións Internacionais comezaría a súa actividade no edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense, para posteriormente localizarse nun edificio propio cedido ou construído. Neste caso, a titulación inicial prevista é o Grao en Relacións Internacionais e o número estimado de estudantes é de 187.

Unha vez aprobadas polo órgano de goberno as memorias serán remitidas ao Consello Social para informe e posteriormente enviaranse á Xunta para que continúe o procedemento fóra da UVigo no Consello Galego de Universidades, Consello da Xunta, publicación no DOG e comunicación á Conferencia General de Política Universitaria. A previsión do equipo de Goberno da UVigo é que as tres novas facultades poidan iniciar a súa actividade no curso 2022/2023.
O Consello tamén deu luz verde este martes ás sedes para o Programa Universitario de Maiores (PUM), que son en Vigo a Escola Universitaria de Estudos Empresariais, en Ourense a Facultade de Estudos Empresariais e Turismo e en Pontevedra a Escola de Enxeñaría Forestal. “O PUM estaba nalgún caso un pouco de prestado e queremos unha adscrición formal aos centros”, explicou Manuel Ramos, que sinalou que a partir de agora, pasa a ser unha titulación máis destes centros a todos os efectos.

Solicitudes para iniciar o curso sen presencialidade total e memorias para verificación e modificación

Cara ao comezo do vindeiro curso 2021/2022, o Consello de Goberno aprobou hoxe, logo das peticións realizadas polos respectivos centros, o inicio da docencia sen presencialidade total en varias materias de catro titulacións. Trátase dos grupos grandes de materias obrigatorias e básicas dos graos na Facultade de Educación e Traballo Social, nos que se impartirá a docencia en liña; nos grupos teóricos dos graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deportes, nos que a docencia sería mixta e nos grupos teóricos de 2º e 4º curso do grao da Facultad de Química, nos que tamén se aposta pola docencia mixta. Pola súa banda, no Mestrado en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas a docencia será semipresencial nas tres sedes. Aínda que o Consello de Goberno anterior aprobara o inicio do vindeiro curso nunha previsible situación de “normalidade adaptada” que dá prioridade á presencialidade, deixaba aberta a porta ás solicitudes de centros que preferían optar por modalidades alternativas para garantir o cumprimento das normas sanitarias derivadas da pandemia. Neste sentido, o reitor lembrou que o comité covid segue a traballar na UVigo e “estamos preparados para calquera escenario e se a situación muda adaptarémonos, aprobando calquera modificación que sexa precisa”, explicou Reigosa.

Noutra orde de cousas, a derradeira sesión ordinaria de Consello do curso 20/21 aprobou as memorias para as solicitudes de verificación do Grao en Enxeñaría de Automoción (Dual) e dos mestrados en Enxeñaría Biomédica e en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia e as memorias para as solicitudes de modificación do Grao en Enxeñaría Mecánica do Centro Universitario da Defensa, do Mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional e do Doutoramento en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. A aprobación da solicitude de do Mestrado en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia estivo precedida da intervención dos decanos da facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Fisioterapia, aos que o reitor agradeceu o seu traballo durante a mediación realizada na procura dun acordo que finalmente non se produciu. O decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García, volveu a manifestar a súa oposición á implantación do mestrado asegurando que “o conflito vai transcender á nosa universidade e vainos colocar nun sitio moi difícil”, ao tempo que criticou o informe xurídico encargado pola UVigo e que confirma que non se produce unha invasión de competencias profesionais. Pola súa banda, a decana da Facultade de Fisioterapia, Eva Lantarón, asegurou que “me doe como foi o proceso”, ademais de lembrar os obxectivos do que será o primeiro mestrado que se impartirá no centro que dirixe.

As titulacións cuxas memorias de verificación e modificación se aprobaron hoxe, comezarían a impartirse no curso 2022-2023, despois da tramitación correspondente do Consello Social, solicitude de informe previo á Consellería, envío a Acsug para o proceso de verificación. Para o vindeiro mes de setembro trataríanse, avanzou Manuel Ramos, no Consello de Goberno que se celebrará ese mes, as memorias do Grao en Intelixencia Artificial e os mestrados en Enxeñaría Aeronáutica, en Ensinanza de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua e en Intelixencia Artificial.

A UVigo estrea Estatuto do estudantado deportista 

Outra das cuestións aprobadas hoxe polo Consello de Goberno foi o primeiro Estatuto do estudantado deportista na UVigo, que ten o obxectivo de promover a apoiar o deporte universitario fixando medidas que favorezan a conciliación da vida universitaria e deportiva, e que fomenten o recoñecemento académico das prácticas físico-deportivas pola súa achega á consolidación dos valores propios e das boas prácticas na UVigo. Para os efectos deste estatuto o estudantado deportista da UVigo agrúpase en: practicantes de base, deportistas de nivel intermedio e deportista de elite, establecéndose en función destas categorías medidas e axustes precisos a conciliación da vida académica e a práctica físico-deportiva. “É novo na UVigo e hai moi poucas universidades españolas que teñan algo similar e sobre todo tan completo coma este, xa que está dirixido a todo o estudantado que practique deporte sexa, cal sexa a modalidade e nivel, e non ós aos deportistas de elite”, sinala a vicerreitora Natalia Caparrini. 

Por outra banda, tamén se aprobaron as axudas para a contratación de persoal investigador en formación da UVigo para este ano, sen variacións respecto do ano pasado, agás en cuestións como os requisitos relativos á data de finalización dos estudos ou o modo de calcular a nota media do expediente académico. Así mesmo, no Consello deuse luz verde á xeración de crédito de dous convenios coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, un de financiamento de equipamento para adquisición, renovación e mellora de infraestruturas de investigación universitaria por un importe de 2,5 millóns de euros e outro de colaboración para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i por importe de 2,1 millóns de euros.

As modificacións nos modelos de convenio-tipo de prácticas externas, derivados da modificación do regulamento de prácticas externas, o que facía necesario actualizar o convenio tipo que se asina coas empresas para adecualo á nova normativa, e o modelo de convenio de colaboración para desenvolver proxectos de aprendizaxe e servizo, foron outros puntos da orde do día aprobados na sesión de hoxe.