DUVI

Diario da Universidade de Vigo

ExploraCampus inclúe rutas a pé e en bicicleta, xeocaching, actividades de orientación…

A Área de Benestar lanza un novo programa de actividades para fomentar a práctica deportiva ao aire libre

De carácter totalmente gratuíto, arrancará o vindeiro mércores día 17 cunha ‘busca’ do tesouro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
D. Besadío DUVI 12/03/2021

Rutas a pé e en bicicleta, busca de tesouros, actividades de orientación... A Área de Benestar, Saúde e Deporte porá en marcha a partires da vindeira semana un  novo programa de actividades para fomentar a práctica deportiva ao aire libre. Bautizado como ExploraCampus, arrancará de forma experimental a próxima semana no campus de Vigo e, se todo sae segundo o previsto, a idea é que a medio prazo poida estenderse aos campus de Ourense e Pontevedra con cadanseu programa adaptado ás características propias de cada un deles. Son actividades totalmente gratuítas, de moi baixa dificultade física e abertas á participación de toda a comunidade universitaria.

“Ao longo deste último ano constatamos que, dalgún xeito, a pandemia provocou unha volta das persoas ao medio natural e con ExploraCampus buscamos dar resposta a esta necesidade de gozar do medio ao tempo que se fai deporte”, explica Javier Rial, director técnico desta área, ao que engade que cando se pecharon todas as instalacións deportivas houbo que buscar alternativas e, ao principio, sobre todo na parte máis dura do confinamento, produciuse unha especie de boom de actividades en liña, pero esa vía non resultou tan potente e atractiva como parecía. “Comprobouse que a xente o que busca é facer deporte, ou ben ao aire libre ou nas propias instalacións deportivas, e desde a área queremos responder a estas inquietudes ”, engade Rial, quen recorda que, ademais de Explora Campus, acaban de lanzar tamén o programa de actividades personalizadas Ponte en forma. 

Estréase na segunda quincena de marzo con catro propostas

A estrea de ExploraCampus será na segunda quincena de marzo no campus de Vigo, “un lugar privilexiado por todas as posibilidades que ofrece a propia contorna para realizar actividades ao aire libre” e a idea é “ir ofrecendo cada vez máis posibilidades de ocio nos propios lugares nos que traballa e estuda a comunidade universitaria”. Deseñarase un programa específico de actividades para cada quincena, aproveitando diferentes recursos que xa están dispoñibles. O programa para este mes inclúe catro propostas: xeocatching, o día 17 de 12.00 a 14.00 horas; unha ruta medioambiental pola cima do campus, o día 22 ás 12.00 horas; actividades de iniciación á orientación, o día 24 de 12.30 a 15.00 horas, e unha ruta pola parte baixa do campus o xoves 25 ás 12.00 horas. 

 “Aprovéitanse as rutas que xa ten deseñadas a Oficina de Medio Ambiente, percorridos curtos de arredor dunha hora, e que levan anos funcionando e, no caso do xeocatching, o que imos facer é incrementar o número de caixas que temos polo campus para que a xente poida xogar a atopalas”, apunta Rial, ao tempo que lembra que no caso de orientación a Universidade conta cunha sección deportiva xa moi consolidada que participa na liga galega e disponse xa de planos específicos, tanto do campus como do parque forestal de Beade. De cara ao mes de abril engadiranse contidos como algunha ruta en bicicleta e a idea é incorporar algún itinerario máis longo para as rutas “de carácter circular, que se inicie e remate no campus, pero que inclúa tamén a contorna máis próxima”.

Actividades guiadas por persoal especializado

En todas as actividades vaise contar con persoal experto que será o encargado de exercer de guía. Neste labor contarase coa implicación dun amplo equipo de colaboradores, desde os integrantes do club de montañeiros Pena Trevinca, entidade coa que a UVigo conta cun convenio propio de colaboración, ata os deportistas da sección federada de Orientación, pasando polo persoal da OMA para as rutas medioambientais e dous estudantes portugueses que están a realizar as súas prácticas Erasmus na Área de Benestar, Saúde e Deporte. “Son dous mozos licenciados en Educación Física que están a realizar un mestrado de especialización e que, dende o principio, se implicaron moito na organización de todo este programa”, recalca Rial.

Inscricións a través de Campus Activo

As persoas interesadas en inscribirse deben facelo a través do Campus Activo, onde en datas próximas tamén se van pór a disposición do público en xeral os diferentes recursos que se empregarán en Explora Campus (mapas, guías das rutas, etc.). O prazo de inscrición para cada unha das actividades vai estar aberto ata dous días antes da data prevista para cada unha das actividades.