DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro das actividades organizadas co gallo dos días mundiais da Saúde e da Actividade Física

A Área de Benestar, Saúde e Deporte lanza un taller gratuíto de defensa persoal para mulleres

A vindeira semana será de portas abertas e acceso de balde ás distintas actividades e instalacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
D. Besadío DUVI 29/03/2019

Unha semana de portas abertas na que calquera persoa da comunidade universitaria poida acceder de balde ás distintas actividades e instalacións da Área de Benestar, Saúde e Deporte. Así celebrará a Universidade de Vigo os días mundiais da Saúde e da Actividade física, efemérides que se celebran o 6 e 7 de abril, pero cuxo festexo se prolongará nos tres campus dende o 1 ata o 5 abril. Trátase, tal como explica o técnico superior en actividades deportivas Román Lago, de que “con tanta variedade e oportunidades” non haxa escusa para non facer algo de deporte a vindeira semana.

A toda a  programación deportiva habitual (ioga, cross training, escalada, bádminton, sala cardio fitness, xadrez, orientación, chan pelviano, kick boxing, rugby, orientación...), hai que sumar un taller de defensa persoal para mulleres, unha actividade totalmente gratuíta que se lanza para atender unha demanda cada vez máis real en relación á adquisición de ferramentas que permitan ás mulleres sentirse máis seguras ante unha agresión. Aberto á participación de calquera integrante da comunidade universitaria –previa reserva de praza na aplicación Deporxest-, o taller divídese en dúas xornadas: unha o luns de 16.15 a 17.30 horas e outra o mércores de 13.15 a 14.30 horas, podendo, dependendo da propia interesada, facer a reserva nas dúas ou nunha única xornada.

Se ben este primeiro taller de defensa persoal xurde ao abeiro da celebración desta semana de portas abertas, a idea é pulsar a demanda dentro da comunidade universitaria e poder ofrecelo, xa de xeito máis estable, para o vindeiro curso académico. As clases correrán a cargo dun experto en artes marciais e unha psicóloga especialista en Igualdade e nelas combinaranse os coñecementos teóricos con exercicios prácticos que sexan accesibles a calquera persoa sen necesidade de coñecementos previos en defensa persoal. “Os exercicios que se propoñen son de moi sinxela execución e, ademais, as participantes contarán co apoio dunha psicóloga que traballará con elas o autocoñecemento e o coidado emocional”, explican dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte. 

Máster class de zumba no pavillón universitario

Ademais das actividades propias da Área de Benestar, Saúde e Deporte, a Semana de portas abertas incluirá tamén, en colaboración coa empresa que xestiona a piscina universitaria, clases de aquagym, pilates e hipopresivos, así como unha master class de zumba que se realizará o vindeiro venres 5 de abril ás 15.15 horas no pavillón universitario e que está aberta á participación de calquera persoa interesada, pertenza ou non á comunidade universitaria.

E  na fin de semana... Augaventura ou sendeirismo 

Aínda que a xornada de portas abertas remate o venres, a actividade deportiva non decaerá a fin de semana, todo o contrario. Para o sábado 6 de abril está previsto unha nova ruta cultural, neste caso ao Camiño dos Faros, un sendeiro de preto de 20 quilómetros  que discorre ao bordo do mar entre Malpica e Fisterra, en plena Costa da Morte. O prazo para inscribirse manterase aberto ata o día 4 e o sábado sairán os autobuses dos lugares de costume.

E os e as amantes das actividades acuáticas teñen a opción de animarse a participar nalgunha das actividades de Augaventura, podendo elixir entre surf, rafting, Kaiak por San Simón, flyboard ou pontismo no río Miño –na ponte internacional de Arbo-.